Os 100 usuarios de Down Lugo gozarán de maiores instalacións

A asociación Down Lugo ampliará as súas instalacións que empregan a cotío uns cen usuarios, grazas a unha achega da Deputación que colabora con preto de 30.000 euros. Así o informaron o Presidente do Executivo Provincial, Darío Campos, xunto coa Presidenta do Colectivo, María José Blanco Freire, tras asinar un convenio de colaboración entre ambas entidades. Trátase dunha axuda coa que a asociación poderá adquirir o local anexo á sede actual, o que lles permitirá ampliar as súas instalacións e, polo tanto, mellorar a calidade do servizo que ofrecen.

Campos Conde destacou que “se beneficiarán destas melloras tanto os 100 usuarios que desfrutan destas instalacións, que van dende nenos de 4 anos ata a adultos de 61, procedentes de diversos Concellos lucenses; así como os 14 profesionais -2 psicólogas, 2 pedagogas, 2 diplomadas en maxisterio, 2 logopedas e 5 educadores sociais- que traballan nas mesmas ofrecendo atención profesional aos usuarios”.

Down Lugo conta na actualidade cun local de 214 metros cadrados, nos que ofrece servizos destinados aos usuarios con Síndrome Down e ás súas familias, cun amplo catálogo de actividades, que van desde a logopedia e a formación en informática ata o asesoramento familiar ou a preparación de oposicións. Grazas á colaboración da Deputación, poderán adquirir un novo local de 164 m2 que se engadirán a estas instalacións, o que suma no seu conxunto un espazo de 378 metros.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com