Os aloxamentos turísticos poderán optar a axudas para mellorar as súas instalacións

A Xunta de Galicia convoca diversos programas de axudas dirixidos ao sector turístico, entre eles un especificamente destinado á mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento, que está neste momento en prazo para recibir solicitudes.

A Xunta e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) convocaron hoxe no Hotel Alfonso IX de Sarria unha xuntanza con empresarios e axentes do sector turístico para explicar as diferentes liñas de apoio ás que poden optar, entre as que destaca a de mellora de aloxamentos que é a principal novidade deste exercicio.

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, e o presidente da APEHL, Cheché Real, participan nesta reunión na que técnicos  de diferentes departamentos da Xunta -entre eles Turismo de Galicia, o Igape e a Consellería de Economía, Emprego e Industria- darán conta dos distintos programas xa convocados ou próximos a convocarse nas vindeiras datas.

O delegado territorial lembrou que durante o pasado ano os investimentos da Xunta en turismo na provincia de Lugo superaron os 5,5 millóns de euros entre subvencións e convenios con outros actores e obras propias.

Entre os principais capítulos de investimento Balseiro destacou as rutas Xacobeas; 2,8 millóns de euros destinados, en boa medida, ao acondicionamento, sinalización e melloras das rutas.

Concedéronse axudas a empresas turísticas por importe de 834.000 euros a través dos Grupos de Acción Local de Pesca (GALP), e por importe de 599.000 euros a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).

Na liña de axudas a concellos e outras entidades locais para a mellora da sinalización e accesibilidade dos recursos turísticos concedéronse 26 subvencións cun investimento global de 772.400 euros. Entre os proxectos da comarca beneficiarios das axudas figuran o de información e sinalización do camiño real ao seu paso polos concellos de Triacastela e Láncara -xunto con As Nogais, Becerreá e O Corgo-, subvencionado con 50.000 euros, e actuacións de mellora da sinalización turística en Sarria e Samos, con apoios de 10.300 euros e 6.300 euros respectivamente.

Tamén se conceden axudas para os municipios turísticos e para as Festas de Interese Turístico, que no ano pasado sumaron un importe de case 114.000 euros na provincia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com