O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou esta mañá as colaboracións dende o organismo provincia e a Fundación TIC cos novos traballos do director Oliver Laxe para promover Os Ancares e contribuír á formación dos alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS). Campos Conde explicou que estas colaboracións favorecen que Navia de
Suarna sexa a principal localización de Aquilo que arde, a vindeira película do cineasta; que Oliver Laxe rode un vídeo promocional sobre a Reserva dos Ancares Lucenses e que ofreza un ciclo de conferencias e clases maxistrais aos estudantes da EIS.
O titular provincial fixo este anuncio nunha visita a Navia de Suarna, na que estivo acompañado polo Alcalde deste municipio, José Fernández, o director Oliver Laxe e a produtora-executiva de Miramemira, Andrea Vázquez.
Campos Conde salientou que “queremos formar parte desta produción cinematográfica porque é unha oportunidade para a economía, o emprego e a promoción turística, especialmente dos Ancares, pero tamén doutras localidades da nosa provincia, que non debemos desaproveitar. O filme, que se rodará no noso idioma, posúe un especial valor cultural e social, e fomenta o tecido industrial do sector audiovisual galego”.
“A rodaxe está prevista entre os meses de febreiro e agosto en diferentes localizacións do territorio lugués, especialmente en Navia de Suarna, pero tamén en Monterroso, Monforte, Viveiro, Becerreá, Cervantes e Lugo, contribuíndo á promoción da nosa provincia.
Aquilo que arde é unha proxecto con proxección internacional dirixido por un cineasta gañador de prestixiosos premios, entre eles, dous no Festival de Cannes, algo reservado a moi poucos directores no mundo, e temos a sorte de que elixa a nosa provincia para rodar a súa vindeira película grazas a súa estreita relación familiar e afectiva cos Ancares”, remarcou o Presidente.