Os arqueólogos retomarán a partir do vindeiro luns, 16 de abril, os traballos na Casa do Facha.. Así se coñece a casa situada en Repil que foi empregada como refuxio temporal por un destacamento da guerrilla antifranquista na década de 1940.
Este uso como refuxio, remata desúpeto o 20 de abril de 1949 cando o edificio foi rodeado pola Guardia Civil e os guerrilleiros foron tiroteados e a familia propietaria da casa, detida. Logo deste suceso traumático para a Comunidade a casa foi abandonada e esquecida mais nunca para Antonio Díaz Amaro, descendente dos propietarios e que mantivo
viva a memoria do lugar.
En 2016 o lugar é recuperado polos arqueólogos cunha perspectiva de Arqueoloxía do Conflito e cunha finalidade de converter o espazo nun recurso para a Educación na Paz e na Convivencia. O enclave foi dende 2016 obxecto de diversos estudos de distintas disciplinas incluíndo dende o baleirado documental de revistas e outros documentos da época, a entrevista cos veciños e descendentes dos protagonistas ou o estudo dos materiais arqueolóxicos atopados.
Nesta campaña, ademais da excavación en si, incorporaránse novos métodos como a utilización dun gradiómetro co que se realizará un estudo magnético do subsolo puidendo revelar estruturas non visibles en superficie. O uso do gradiómetro é idóneo neste momento xa que o lugar se atopa limpo de vexetación logo dos devastadores incendios de 2017. Durante a vaga de lumes o inmoble foi cercado polo lume mais salvado polo esforzo dos brigadistas.
Tal como comenta Xurxo Ayán, director de intervención, “se os incendios foran dous anos antes, a Casa de Repil seguramente sería arrasada, pero no 2017 o lugar xa era un lugar con significado para os mozos brigadistas que participaron na extinción”. Ayán incide na importancia desta segunda intervención arqueolóxica polo deterioro do propio lugar e pola curta duración da primeira campaña. A intervención, que está promovida pola Asociación de Veciños María Castaña de Cereixa e o Concello da Pobra do Brollón está conectada á outra gran aposta arqueolóxica do territorio: O Castro de San Lourenzo.
“Temos unha visión integral do territorio e da historia” comenta Ayán, “O que estamos a facer no castro é unha peza máis; o que queremos é reconstruir as formas de vida da parroquia de Cereixa: O castro, María Castaña, a emigración, a Casa de Repil, etc, todo son pezas do mesmo puzzle”.