O Concello de Lugo, a traveso da Concellería de Cultura, vén de colocar nos 22 buses urbanos de Lugo unha selección de #17PoemasDeManuelMaría, en carteis instalados no seu interior, onde tamén estarán dispoñibles dende mañá un total de 17.000 marcadores de lectura que poderán levar os viaxeiros. Os poemas, que estarán colocados durante o mes de maio, tamén se poden observar por todos os recunchos na cidade en 17 mupis. A entidade local realiza estes días ademais unha distribución másiva de 10.000 dípticos co poema que comeza O idioma é a chave coa que abrimos o mundo, dedicada á lingua galega.
O hashtag 17PoemasDeManuel María enmárcase dentro da programación posta en marcha polo Concello de Lugo para render tributo a Manuel María no ano que se lle dedican as Letras Galegas.
A escolma de poemas é: Fume, Canción á miña abulia acentuada, Responso desesperado, Bando, Testemuña, Verbas a un irmao, Verbas pró día da miña morte, O carro, Galicia, Os nenos dos casinos, Compre afogar as bágoas, Ollos de nenos, A muiñeira, A fala, A ti che pido amor, Outonecendo e Oda á cidade de Lugo.
Manuel María pervive na memoria de Lugo
O Concello de Lugo ten programadas unha vintena de actividades que se realizarán ao longo de todo o ano, con especial intensidade durante o mes de maio. Mañá xoves, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) terá lugar a presentación dun DVD ás 20:00 horas.
O propio Día das Letras Galegas, o Concello ofrecerá un concerto do conxunto vogal Lugh, que actuará polas rúas da cidade a partir das 13:00 horas. Asemade ás 19.00 horas está programado un recital homenaxe dos poetas da revista Xistral na Casa do Concello, que foi fundada por Manuel María.
En xuño, o día 5, Día do Medio Ambiente, terá lugar unha rota xeoliteraria polos espazos próximos á cidade, dada a gran presenza dos temas medioambientais na obra de Manuel María. Ademais, no Parque da Milagrosa e na rúa que leva o nome do autor, terá lugar un recital dos seus poemas sobre a natureza.