A Xunta de Galicia oferta en torno a 3.000 prazas en máis dun centenar de actividades que se programan ao longo do ano nos catro centros sociocomunitarios que xestiona na provincia, ubicados en Lugo, Mondoñedo, Vilalba e Ribadeo. Así o explicou onte o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, nunha visita ao centro de Vilalba, onde subliñou a importancia destes recursos comunitarios que están “a disposición de persoas de todas as idades e dos colectivos do entorno”.
Os centros da Xunta acollen unha variada programación de actividades culturais e de lecer e tempo libre. Así, para os vindeiros meses están previstas xa rutas de sendeirismo, cursos de informática, obradoiros de ximnasia, de memoria, baile ou artes plásticas e numerosas excursións, entre outras iniciativas.
Balseiro subliñou que a Consellería de Política Social quere relanzar os centros sociocomunitarios para que sexan punto de encontro da mocidade e tamén un puntal na estratexia de envellecemento activo que estará vixente nesta lexislatura. “Estes centros -afirmou o delegado- ofrecen un servizo de proximidade que fortalece a convivencia e o benestar dunha comunidade, e organizan múltiples actividades que axudan a que as persoas maiores manteñan un estilo de vida activo”.
Balseiro incidiu en que “a programación está aberta ás asociacións e entidades sociais da zona”, que atopan nas instalacións da Xunta un espazo para desenvolver as súas iniciativas. En concreto, o centro sociocomunitario de Vilalba ten previstas para os próximos meses 21 actividades propias nas que oferta máis de 850 prazas, pero acolle tamén actividades organizadas por entidades como a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) ou a Asociación de Familias de Persoas con Diversidade Funcional Intelectual de Vilalba (ASFADIVI).