A partir de hoxe martes, xa é posible obter o certificado do título de Familia Numerosa dende a sede electrónica da Xunta.
Así, o servizo electrónico de emisión de certificados reducirá a carga de traballo na medida en que se potencien os intercambios de información electrónicos, proporcionando novas vías para acceder á información en modo de autoservizo.
Na actualidade a cidadanía e as empresas poden obter da Xunta de Galicia diversos certificados en soporte papel para utilizar nas súas xestións administrativas. Para a obtención destes certificados é necesario acudir aos puntos de entrega dos servizos ou organismos correspondentes, o que ocasiona un custo bidireccional: o do desprazamento para as persoas interesadas e o da elaboración e emisión para a Administración.
A obtención deste certificado on line, así como o de minusvalía, foi posible grazas a un acordo entre Vicepresidencia da Xunta e AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia).