Esta semana os cines Codex abrirán a partir de mañá mércores onde continuaran coas proxeccións de O Acusado, Crimes do Futuro e Lume e onde a partir do venres contará con dúas estreas: un dos maiores éxitos críticos do cinema galego e unha importante novidade de cinema español.
A primeira estrea da semana é Jacinto, multipremiada longametraxe do compostelán Javi Camino que dende o verán de 2021 tivo un triunfante percorrido no circuíto de festivais onde acadou decenas de premios, entre eles tres Mestre Mateo e o Premio do Público da Sección Panorama Fantástico no Festival de Sitges. Protagonizada polo actor e monologuista Pedro Brandariz, traxica e prematuramente falecido en febreiro, Jacinto é unha historia que acontece nunha aldea ficticia chamada Mallou. Alí producirase un encontro entre dúas culturas: un mundo rural condenado a desaparecer e a moderna subcultura black metal. Trátase da primeira longametraxe rodada por Camino con medios profesionais e dunha das apostas de cinema fantástico do noso país máis importantes dos últimos anos.
A outra estrea da semana é La consagración de la primavera, nova longametraxe de Fernando Franco logo de dirixir dúas películas fundamentais do cinema español da pasada década: La herida (2013) e Morir (2017). O filme participou na Sección Oficial do pasado Festival de San Sebastián e conta no seu reparto con Vàleria Sorolla na súa primeira longametraxe, Telmo Irureta e Emma Suárez. O filme narra como Laura, quen chega a Madrid a estudar Química, atópase sola e sen cartos. O azar brindaralle un encontro determinante con David, un mozo con parálise cerebral, e a súa nai Isabel. Unha película que reflexiona sobre a madurez a importancia de analizarse avaliarse a un mesmo.
Poden consultar todos os horarios na páxina: www.caldiae.gal