A partir de maña, venres, os Codex Cinema estrean o filme xaponés “Plan 75”, do director Chie Hayakawa, un fermoso conto humanista sobre o valor da vida, unha película conmovedora cunha narración sobria e reflexiva que trata o tema da eutanasia de forma delicada e futurista. Unha verdadeira obra mestra.
Sinopse: En Xapón, nun futuro próximo, o envellecemento da poboación acelérase. O goberno estima que, a partir de certa idade, os maiores convértense nunha carga inútil para a sociedade e pon en marcha o “Plan 75”. Este programa propón aos anciáns un acompañamento loxístico e financeiro para poñer fin á súa vida. Unha candidata ao Plan 75, Michi, un recrutador do goberno, Hiromu, e unha moza auxiliar de enfermería filipina, María, enfróntanse á toma de decisións de vida ou morte. Ou a un pacto mortífero.
A outra estrea da semana nos Codex é “A impaciencia do corazón”, do director Bille August e baseada na novela “A piedade perigosa”. É un relato sobre a relación de dous mozos, a filla dun barón e un oficial do exercito, que se debate entre o amor e a compaixón.
Sinopse: Coa inminente Primeira Guerra Mundial como telón de fondo, Anton un oficial obediente, vese confrontado pola súa amizade coa filla dun amigo, Edith, que está prostrada nunha cadeira de rodas. A medida que a relación evoluciona, Anton debátese entre os seus sentimentos, incapaz de decidirse.
Poden consultar toda a información e carteleira en: www.codexcinema.info