Hoxe venres chega a Codex Girasoles silvestres, novo filme do prestixioso director Jaime Rosales. A película foi presentada na Sección Oficial do Festival de San Sebastián. Conta no seu reparto con Anna Castillo, Oriol Pla, Quim Ávila e Luís Marqués. A través de tres actos que tratan sobre as relacións de parella da personaxe protagonista, o director aborda o tema da masculinidade tóxica. Rosales propón unha mirada crúa e analítica, algo característico en toda a súa filmografía.
Asemade hoxe haberá un pase especial de Ciudad de la selva. Fuxidos e guerrilleiros nos montes de Casaio, documental dirixido por Miguel Riaño, quen presentará a proxección xunto a Carmen Blanco (ADVF) e membros do equipo arqueolóxico da produción, o acto contará con presentación e faldoiro. O filme conta a historia dos fuxidos do réxime franquista en torno á poboación galega de Casaio. Nestes montes houbo unha resistencia activa contra o fascismo grazas ao apoio de membros das comunidades locais.
O domingo 16 comezará a Retrospectiva Márta Mészáros coa proxección da primeira longametraxe da directora: A rapariga. Ás 18:30 Víctor Paz Morandeira, fundador da distribuidora Lost & Found que trae este ciclo ao noso país, e Chus Rodríguez, psicóloga e activista social e cultual, presentarán o filme. Márta Mészáros foi a primeira directora en gañar o Oso de Ouro da Berlinale en 1975 polo seu filme Adopción. Realizadora sempre comprometida a documentar os cambios da súa sociedade a través da mirada e os sentimentos de mulleres que non se deixan amedrentar polas circunstancias, o seu cinema recolle ecos da Nouvelle Vague francesa e dos clásicos soviéticos cos que se educou. A rapariga, filmada en 1968, gañou ao seguinte ano unha mención especial na Seminci de Valladolid.
Pódese consultar toda a programación en: www.caldiae.gal