Hoxe mércores, 13 de marzo, os Codex Cinema proxectarán “As armas non borrarán o teu sorriso”, un documental sobre os asasinatos fascistas en Madrid ao principio da Transición.
Manuel Ruiz García prosegue a súa incansable loita polo seu irmán Arturo, asasinado en Madrid por un comando ultradereitista o domingo 23 de xaneiro de 1977, cando escapa da carga policial da manifestación pacífica convocada pola amnistía e a liberdade. Unha loita para que as vítimas da Transición atopen a xustiza que se lles negou e a súa causa non caia no esquecemento. Ten a axuda doutro dos seus irmáns, Miguel Ángel, e de Javier, irmán de Ángel Almazán, ao que mataron dunha brutal malleira os policías que lle detiveron nunha manifestación pacífica o 15 de decembro de 1976. Manuel investiga para desvelar a verdade oculta do sucedido. Os obstáculos son poderosos, enmarañados entre tentáculos de poderes fáctico
“As armas non borrarán o teu sorriso”, escribiu o pai de Arturo Ruiz no dorso dunha fotografía do seu fillo, cando se cumprían dous anos da súa tráxica morte. Co seu asasinato comeza a chamada semana negra de Madrid do ano 1977. Na mañá seguinte, na consecuente manifestación de protesta pola morte de Arturo, un bote de fume, disparado de súpeto por un policía, mata a Mari Luz Nájera, de 20 anos, estudante de Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid. Esa mesma noite do luns 24 de xaneiro, terroristas de ultradereita asasinan nun despacho de avogados a seis persoas (avogados laboralistas e administrativos) no coñecido como o Crime de Atocha.