Os códigos QR chegan ao cemiterio municipal de San Froilán

Ana Prieto presidiu este luns a ofrenda floral aos defuntos nun acto conmemorativo que incluíu unha visita guiada ao camposanto e música clásica. O Concello divulgará a historia e patrimonio cultural do recinto do cemiterio municipal de San Froilán a través da creación de códigos QR, de resposta rápida, mediante os que se poderá acceder a toda a información tanto do propio camposanto como dos seus monumentos máis destacados. Trátase da sinalización do mausoleo neogótico existente á entrada do cemiterio, que acaba de recibir o premio ao mellor monumento funerario de España, do mausoleo de García Abad, a Escultura Asorey e a Cruz dos Soldados Repatriados.

Cada obra terá un código QR que dirixe a unha foto e unha explicación histórica que corresponde a ese monumento. O Concello instalou ademais dúas placas, unha que recoñece o cemiterio de San Froilán como cemiterio singular e outra do premio recibido esta semana, creada pola ceramista Miriam Jiménez.

Esta nova sinalización realizouse cos 1.000 euros de premio que recibiu a entidade local por contar co mellor monumento funerario de España. Deste xeito, o Concello fortalece o posicionamento da cidade luguesa como destino cultural no mapa de España e dá conta dos recursos que acolle Lugo ao tempo que se potencia o atractivo turístico da cidade.

Asemade a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, presidiu a tradicional ofrenda floral da Corporación conmemorando o Día de Defuntos. O acto, que tivo lugar este luns no Xardín das Lembranzas do cemiterio municipal de San Froilán, incluíu ademais unha visita guiada polo camposanto da man da profesora de historia Ana Goy Diz e un concerto de música clásica.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com