Os Coira no Paseo dos Soños

No Paseo dos soños de Vilalba, un monolito honra aos Irmáns Coira, como chairegos destacados nos mundos da cultura de Galicia. Os Coira de letras, como eles con humor comentaron.

É unha familia singular. Son sete fillos de médico e farmacéutica, sobriños de historiador, que desde o seu Rábade natal se espallaron por Galicia, sendo catro de ciencias – médicos, farmacéuticos, profesores… – e tres de letras, agora homenaxeados co seu hectómetro no Paseo que conta xa con 17 monolitos.

Xosé, Xurxo e Carlos Coira, representan á literatura e á imaxe, á música e o libro, téndose feito imprescindibles na actualidade de Galicia, no estudo e na publicación, no guión ou na dirección, estando sempre presentes na nosa vida cultural.

Ao principio falouse de “Hectómetros literarios” para o Paseo dos Soños, pero logo foise enriquecendo coa maxia de Carballo, o cine de Margarita, o pensamento de Chao, a música de Ramón Luis, as cancións de Mini e Mero, a loita cultural de Alfonso Blanco, a escultura de Victor Corral, a neurociencia de Sonia Villapol, e agora cos poliédricos Coira que representan á cultura como un feito global que nos invade e nos impulsa, facéndonos moito máis donos de nós.

Esta ringleira de esculturas está a piques de completar o camiño entre os muíños do Rañego e da Magdalena, podendo seguir cara aos Freires, ou dar a volta e situar outras tantas na outra marxe do Paseo. Aínda asi, dentro de trinta ou corenta anos haberá que cavilar de que maneira seguir a honrar aos destacados chairegos da cultura, porque o “Paseo dos soños” naceu para perdurar e gardar memoria de especiais servidores da cultura.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com