A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, destacou que os concellos da provincia recibirán nos próximos días as transferencias de fondos correspondentes ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero que foron aprobados o pasado mes de agosto nun real decreto que no caso de Lugo achéganse aos 155.000 euros.
Os concellos de Galicia recibirán directamente do Estado nos próximos días un total 1.105.355,40 euros para a loita contra a violencia de xénero, cantidade que se espera duplicar para o próximo ano. Estas cantidades van ser abonadas aos concellos para que poidan desenvolver as novas competencias que ten asignadas en materia de violencia de xénero.
Isabel Rodríguez mostrouse especialmente satisfeita porque os municipios da provincia recuperen unha competencia tan importante como a violencia de xénero pero “sempre cunha dotación económica para que poidan desenvolver as súas actuacións preventivas e de formación”.
A subdelegada do Goberno destacou que a cantidade que vai recibir a provincia de Lugo alcanza os 154.322,51 euros, que se repartirán os 67 concellos. Isabel Rodríguez lembrou que os tres concellos que están integrados no sistema de vixilancia da violencia de xénero ( VIOGEN) contarán coa repartición de remanentes, de tal maneira que reciben cantidades adicionais. En concreto estes municipios son Burela, Ribadeo e Vilalba.
Os criterios de repartición son os establecidos na disposición final terceira do Real Decreto-Lei 9/2018, do 3 de agosto. O primeiro criterio é o establecemento dunha cantidade fixa por municipio de 689 euros, ao que se engade unha segunda cantidade variable, en función do número de habitantes de cada municipio a data do 1 de xaneiro de 2017. Esta contía é de 0,18 euros por habitante.
Unha vez feita esta distribución, o remanente existente repártese proporcionalmente entre todos os municipios incorporados ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero a data 1 de xullo. A resolución de transferencias menciona algúns proxectos e programas aos que se poden destinar estas axudas, aínda que se poderán dedicar a outros sempre que constitúan un desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
En concreto cítanse a realización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e a elaboración de materiais para ofrecer información en materia de violencia contra a muller. Tamén se poderá destinar o diñeiro para promover as Unidades de Apoio en ámbito local ou as mesas de coordinación local ou outros instrumentos de cooperación e coordinación similares.
Apoiar e contribuír ao exercicio das súas funcións polas Unidades de Apoio, reforzar os servizos municipais de atención e información ás vítimas de violencia contra a muller, realizar actuacións encamiñadas á formación especializada continuada de profesionais do ámbito local en materia de igualdade entre mulleres e homes son outras das actuacións ás que están orientados estes fondos, do mesmo xeito que ao reforzo dos Corpos de Policía Local adheridos ao Sistema Viogen e o reforzo dos Puntos de Encontro Familiar.
Todos estes fondos económicos inclúense dentro das modificacións introducidas polo Goberno presidido por Pedro Sánchez en materia de violencia de xénero, que dotou con 20 millóns de euros o Pacto contra a Violencia de Xénero. O ano próximo o compromiso do Goberno, tal como lembra Isabel Rodríguez, é duplicar esta cantidade e dispoñer de 40 millóns de euros para este labor.