A Deputación de Lugo levará ao Pleno ordinario deste mes, previsto para o vindeiro martes, 28 de xullo, a relación de actuacións e proxectos que os concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2020. Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán preto do 64% do total dos fondos-, seguido de iniciativas para a creación de emprego e de medidas sociais e económicas para combater a Covid-19, unha nova liña que o Goberno da Deputación decidiu incluír este ano para axudar ás entidades locais a facer fronte aos efectos da crise sanitaria.
As actuacións do Plan Único foron abordadas este xoves na Comisión Informativa de Asuntos do Pleno, na que están representados todos os grupos políticos provinciais, previa á sesión do vindeiro martes.
Para o Plan Único a Deputación achega dos seus orzamentos 21,3M€ que, sumando as achegas dos concellos, consegue inxectar na sociedade e na economía da provincia máis de 24M€ de fondos públicos. Os concellos presentaron as súas propostas para destinar esta
achega da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras, mercados e análogos; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.
Dos 21,3M€ do programa, 15,2M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas. En total son 329 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia.
En relación co fomento do emprego, os municipios destinarán 3,6M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo no municipio. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e combater o reto demográfico. En total, vanse realizar 297 contratacións en 59 concellos da provincia.
Con motivo da declaración do Estado de Alarma e a crise sanitaria provocada pola pandemia do coronavirus Covid-19, a Deputación tomou a decisión de incorporar unha nova liña para que as entidades municipais puidesen facer fronte a gastos correntes derivados desta situación. En total, os municipios destinan máis de 1,2M€ para actuacións moi diversas. Por exemplo, a compra de material de protección, adecuación dos lugares públicos ou reforzar os servizos sociais para atallar as necesidades que xorden nos concellos.
En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar. Os concellos investirán máis de 3M€ a esta prestación.