O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, copresidiron esta mañá a reunión ordinaria da xunta local de seguridade, na que se fixo unha análise da situación delincuencial do municipio no ano 2017 e se perfilou o dispositivo de seguridade previsto para a XXXVI Feira do Viño, que se celebrará dos días 9 ao 11 deste mes.
Tal e como se acordou no encontro, os efectivos da Policía Local de Chantada intensificarán os traballos de vixianza para evitar incidentes no transcurso desta feira, a primeira cita vinícola do ano no ámbito da denominación Ribeira Sacra e unha das máis populosas. A Garda Civil comprometeuse a traballar conxuntamente cos efectivos municipais para reforzar o dispositivo de seguridade. Así, os axentes manterán patrullas coordinadas para previr a comisión de posibles feitos delictivos, especialmente dos máis habituais cando se producen aglomeracións de xente, e tamén para garantir a seguridade nas estradas. Este dispositivo conxunto favorecerá unha atención áxil e eficaz tanto á propia veciñanza como aos visitantes que se acheguen a Chantada nos días de celebración da feira.
A xunta de seguridade analizou tamén esta mañá a evolución da delincuencia durante o ano 2017 en Chantada. Segundo os datos oficiais, os delitos mantivéronse en niveis moi similares aos do ano anterior, con datos de denuncias prácticamente idénticos. De feito, no caso dos delitos contra o patrimonio, que son os que rexistran unha maior incidencia neste municipio, presentáronse unha media de 2 denuncias ao mes en cada unha das anualidades. Por outra banda, soben moi lixeiramente os delitos contra a liberdade (como é o caso das ameazas e das coaccións) e tamén os delitos contra a seguridade colectiva, que engloban principalmente os delitos contra a seguridade vial e contra a saúde pública, con pouco máis dunha denuncia ao mes, de media.
Os asistentes á reunión valoraron o elevado índice de eficacia acadado na resolución e esclarecemento dos delitos denunciados en Chantada, que supera o 62%. Lembraron ademais que, o ano pasado, os axentes da Garda Civil detiveron a 18 persoas no municipio e investigaron a outras 34 pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delito.