O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, puxo hoxe de relevo o labor que desempeña o alumnado participante no programa Correspondentes xuvenís, que se encarga de difundir información sobre os distintos programas e iniciativas de interese para a mocidade entre os seus compañeiros e grupos de amigos.
Balseiro estivo esta mañá no IES do Camiño de Palas de Rei para asistir á entrega de certificados aos 22 estudantes do centro que participaron este curso no programa, impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Estes certificados recoñécenlles a experiencia adquirida a través da educación non formal. Despois do acto de entrega, o delegado interveu nunha entrevista cos escolares na emisora de radio local.
O instituto palense participa nesta iniciativa dende o curso 2013/14, segundo destacou Balseiro, quen felicitou aos mozos e mozas polo traballo que realizan de forma voluntaria. “O feito de que sexan os propios alumnos e alumnas os que se ocupen de informar aos seus compañeiros permite contar cunha rede de difusión da información dirixida á xente nova realmente eficaz”, dixo o delegado. A colaboración destes rapaces e rapazas, co apoio do profesorado, facilita que a xuventude teña acceso a información do seu interese e favorece a súa participación.
Así mesmo, o delegado apuntou que esta iniciativa é “un bo exemplo de educación non formal, que permite adquirir habilidades como o liderado, capacidades comunicativas e fomentar valores positivos como o voluntariado”.