A Deputación de Lugo e a Xefatura Provincial de Tráfico chegan a un acordo para cambiar o punto de inicio dos exames de conducir. A partir do vindeiro 16 de novembro as probas prácticas para obter o permiso volverán ao estacionamento do Pazo Provincial dos Deportes, “unha zona na que é posible resgardarse e que ademais se beneficia da glorieta construída o ano pasado para favorecer os movementos de acceso e saída entre a N-6 e a Rúa Alfonso X ou Sabio”, segundo aclarou a Subdelegación do Goberno.
Para levar a cabo este acordo a Deputación cederá unha parte da explanada do Pazo de Deportes por un periodo de 5 anos, aínda que será posible ampliar este período anualmente e de xeito automático, salvo desacordo dunha das partes.
Ademais continuarase utilizando o actual punto de inicio situado no Paseo dos Estudantes, á beira da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, cuxa localización é considera “óptima” por Tráfico. O Polígono das Gándaras como punto de saída entre a Rúa dos Servizos e a Rúa das Comunicacións tamén se manterá nas probas para obter o permiso de camión ou autobús, de maior duración que as de turismo.
O ano pasado realizáronse na provincia algo máis de 6.000 exames de circulación, dos que practicamente 4.000 se realizaron na cidade de Lugo, cifra semellante a outros anos. No que vai de 2023, a provincia leva case 5.500 probas de circulación, e a capital 3.400.