A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana Abelleira, participou este venres na segunda xornada dos Faladoiros Feministas que organiza a Deputación de Lugo no auditorio do Vello Cárcere lucense. Baixo o nome de Sociedades Coeducadoras: Propostas Feministas para a Educación, a decana de Ciencias da Educación pola Universidade da Coruña, Ana Iglesias, estableceu un coloquio coas persoas que asistiron á charla arredor da importancia da educación para construír unha sociedade igualitaria.
Os Faladoiros Feministas son un programa de coloquios gratuítos impulsados pola Deputación, coa colaboración do Foro feminista Maruxa Mallo, e teñen como obxectivo crear un espazo de reflexión da actualidade dende a mirada das mulleres. As próximas citas serán o 13 de marzo, a cargo de Marta Busquets; o 24 de abril, por Carmen Castro; e o 22 de maio, por Mabel Lozano.