Os fillos (adoptivos) da Gran Bretaña

Esta fin de semana, en Kiev, celébrase unha nova edición do festival de Eurovisión, na que España está representada por unha canción en inglés. Hai 49 anos, en 1968, España ía ser representada por Joan Manuel Serrat, que cantaría a canción “La, la, la”, composta por Manuel de la Calva e Ramón Arcusa, Manolo e Ramon, o Dúo Dinámico. Pois naquelas postrimerías do franquismo, xurdiu un problema político de primeira orde cando Serrat planteou o tema, uns días antes do festival, de que non cantaría a canción se non era en catalán.

Que tamén son ganas de armala previamente, porque naquela actuación en directo, canta en catalán, gaña Eurovisión, e case todos contentos. Pero a organización, diante do plante, retirouno do concurso, e trouxo de México a Massiel, que gañou o superfestival e entrou na historia da música moderna deste país.

Case medio século despois, plantear que a España a representase unha canción en catalán armaría unha boa, e a trifulca chegaría ao Parlamento, á Unión Europea e mesmo á Onu. Cando, se aplicamos o “café para todos” que leva décadas rexendo o réxime autonómico, un ano a representación debería ser por unha canción en castelán, outro en catalán, un terceiro en vasco, e ao seguinte, en galego, que seguro por iso non quedábamos peor que a maioría das edicións do festival.

Pero este ano, a España represéntaa unha canción en inglés. Peor: ten un introito en castelán, e logo todo o desenvolvemento en inglés, dando o entender que o castelán só vale como teloneiro. E ninguén ergue a voz contra a utilización do inglés como se erguería se se utilizase o galego, o vasco e, especialmente, o catalán, que a fin de contas son os idiomas “da casa”. Utilizamos o inglés para que se nos entenda mellor na Europa da música como papanatas que desprezan o propio e admiran o de fóra, mar por medio.
O fiscal anticorrupción non procede contra estes corruptos do idioma; o ministro de Cultura non se querela contra os responsables, e o respectable, “non sabe, non contesta”. Francia, en 1823, invadiunos cos “Cen mil fillos de San Luís”. Agora, aos ignorantes irresponsables só lles fai falla media ducia de fillos adoptivos da Gran Bretaña.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com