Os voceiros dos grupos políticos da oposición no Concello, Alternativa Cidadá de Esquerdas, Cidadáns, Bloque Nacionalista Galego, Lugonovo e Partido, solicitan ao goberno municipal do PSOE que dea cumprimento, de forma inmediata e urxente, a todos os puntos que figuran no acordo plenario do 26 de xaneiro de 2017 para que se constitúa, no prazo máximo dunha semana a contar dende hoxe día 06/03/2017 a Comisión que foi aprobada no Pleno do 30 de xullo do ano 2015 para garantir a defensa dos intereses dos lucenses en relación á CS-5 e o seu entorno (O Garañón).
Os puntos que figuraban no citado acordo de pleno son:
“PRIMEIRO.- Que se constitúa de forma inmediata e urxente a Comisión que foi aprobada no Pleno do 30 de xullo do ano 2015 para garantir a defensa dos intereses dos lucenses en relación á CS-5 e o seu entorno.
SEGUNDO.- Que na Comisión se estude a posibilidade de contratar servizos de asesoramento externo ao Concello para os efectos de analizar as posibles solucións, tendo por obxectivo: Que desaparezan as torres do Garañón e recuperar as vistas dende o parque Rosalía de Castro; Evitar calquera tipo de indemnización ó promotor por parte do Concello, participando por un lado nos procesos xudiciais abertos e por outro estudar a posible anulación do convenio asinado no ano 2005.
TERCEIRO.- Tendo en conta a normativa urbanística vixente, estudar as posibilidades destes terreos, sempre marcando como obxectivo a defensa do interese xeral.
CUARTO.- Esta Comisión, cando o estime oportuno, poderá convocar a aquelas persoas ou colectivos que considere, así como a expertos independentes.
QUINTO.- Entrega na devandita Comisión de copia de todos os informes existentes ata o momento, realizados polos diferentes servizos municipais (Secretaría, Asesoría Xurídica, Urbanismo, Medio Ambiente, Licenzas, Intervención, etc.) con respecto á Unidade de Actuación CS-5, dende que se puxo en marcha o proxecto de urbanización da mesma ata o momento actual.
SEXTO.- Estudar na Comisión, entre outros asuntos, que o Concello realice un estudo do custo real que suporá o derrubamento do xa construído na Unidade de Actuación CS-5 e consignar unha previsión orzamentaria nos vindeiros orzamentos do Concello para o cumprimento de posibles sentenzas.”
Os grupos da oposición do Concello de Lugo, que acordaron de forma unánime esta petición, na busca dunha solución de consenso beneficiosa para os intereses dos veciños de Lugo, esixe ao goberno socialista que convoque esta Comisión antes dunha semana. Do contrario anunciarán novas medidas conxuntas.
Para axilizar a convocatoria e os trámites desta Comisión os voceiros dos 5 grupos da oposición, Carlos Anxo Portomeñe, Olga Louzao Aldariz, Rubén Arroxo Fernández, Santiago Fernández Rocha e Jaime Castiñeira Broz, rexistraron esta mañá un escrito dirixido á alcaldía no que lle informa dos representantes de cada grupo político nesta Comisión creada polo pleno.