Os distintos grupos políticos con representación no Concello de Lugo veñen de acordar, por unanimidade, o cambio dalgún dos percorridos do bus urbano. Foi na xuntanza da Mesa de Transporte Público, cun representante de cada un dos catro grupos que forman a corporación.
Así, segundo anunciou o Goberno local aprobaron unha serie de “pequenos cambios” que “van mellorar a calidade de vida” da veciñanza ao garantir “mellores conexións en bus urbano”.
O Goberno afirmou que “hoxe aprobamos estes cambios dados pola necesidade de que algunhas liñas modificasen o seu percorrido para poder cumplir o horario”. “Reutilizaremos o quilometraxe modificado en zonas con poucos usuarios de bus para redefinir outras liñas e aumentar a eficiencia do sistema de transporte público de Lugo”, declarou Rubén Arroxo.
A zona de Castelo mellorará as conexións para permitir un retorno polo centro da cidade. Un dos dous buses que actualmente pasan por Castelo modificará o percorrido conectando a Ronda da Muralla, Ramón Ferreiro e Fontiñas, cubrindo o HULA. Esta liña cubrirá o Carqueixo cada hora. O percorrido de ida, pasará por Castelo, San Roque e a Ronda, conectando coa Residencia. “Ademais, crearase unha liña especial Castelo que permitirá conectar esta zona periurbana co centro da cidade ás 3 da tarde, permitindo á xente ir e volver ao traballo en bus”, explicou o Tenente Alcalde.
Outra das modificacións aprobadas consiste na modificación de un dos dous buses que cubren a liña 3. “Debido a que a zona entre a rotonda da UNED e a de Nadela teñen moi poucos usuarios cada día, e unha conexión cada media hora, podemos aumentar a eficiencia deixando un bus cada hora nesta zona e aproveitando a quilometraxe para modificar o traxecto e atender a unha serie de peticións veciñais”, explicou o Tenente Alcalde.
O percorrido entre as rotondas da UNED e Nadela ten habitualmente menos de 7 usuarios diarios. Modificando un dos dous percorridos que realiza a liña 3 cada hora, permitirase que esta liña poida pasar por Ramón Ferreiro, atendendo a unha petición da veciñanza do fondo da Avenida de Madrid, continuando ata Sindicatos, e conectando posteriormente a zona de Paradai coa avenida da Coruña, atendendo do mesmo xeito á veciñanza de Paradai. O percorrido de volta, conectará Paradai e Fontiñas co Campus, dando conexión entre Fontiñas e a zona universitaria cada 30 minutos. A zona entre as rotondas da UNED e Nadela continuará a ter un bo servizo de bus urbano, xa que malia reducirse a frecuencia da liña 3 a 60 minutos, a liña 11 continuará a operar nesta zona.
A Mesa de Transporte aprobou actualizar as liñas 1.2, 1.4 e 12 para dar servizo á nova fase do polígono das Gándaras. O equipo de Goberno explicou que “trátase dunha pequena modificación necesaria, xa que no momento de deseñar as novas liñas esta fase do polígono non estaba operativa”.