Último día de campaña electoral e os grupos que presentan candidatos á alcaldía de Lugo, traballan arreo para intentar convencer aos últimos votantes, horas antes da xornada de reflexión.
Así a candidata de Cidadáns á alcaldía de Lugo, Olga Louzao, advertiu onte aos lucenses, no acto central da súa campaña, de que “se votan sempre aos mesmos os problemas da cidade seguirán sendo os mesmos“. Louzao fixo un chamamento á veciñanza para que vaian votar o domingo e propuxo que se aposte por “unha alternativa moderada e seria fronte a parálise do PSOE e a falta de ilusión do PP”.
Neste senso, a candidata pechaba hoxe a súa campaña facendo un percorrido polos barrios da cidade. “Seguimos traballando até o último minuto para ser a gran revelación destas eleccións na cidade de Lugo e estamos convencidos de que Cidadáns dará a sorpresa en Lugo”.
A pesares de que todos os grupos celebran o peche de campaña, algún grupo aproveitou para achegar aos veciños algunhas das propostas que lles restaban no programa. Ese foi o caso da candidatura de unidade popular Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida-Equo que asegurou esta mañá que ten como unha das súas prioridades de goberno a consecución da xustiza fiscal no Concello de Lugo, para o que aplicará o nivel de renda en tódalas taxas municipais, co obxectivo de que pague máis quen máis ten, e rematar cos privilexios fiscais da banca ou a Igrexa.
“Levamos catros anos presentando iniciativas de progresividade fiscal tanto para rematar cos privilexios fiscais duns poucos como para garantir a financiación dun servizos públicos de calidade. Todas as nosas propostas para acadar unha fiscalidade progresiva foron ignoradas polo goberno. É prioritario que o recibo da auga ou o prezo dos menús dos comedores atendan ao nivel de renda familiar”, explicou o candidato á alcaldía, Carlos Portomeñe.
Pola súa banda, o BNG, que pechará a campaña esta tarde no centro social Maruxa Mallo no barrio de Fontiñas a partir das 20:00 horas, apostou hoxe por que Lugo se convirta “nun concello BNG”, destacando o “exitoso modelo” dos gobernos municipais do Bloque que supuxeron para outras vilas, dixo, “o recoñecemento internacional”.
Arroxo sinalou a necesidade de que todas as persoas vaian votar este domingo e pediulles o voto a “todas aquelas persoas que non queren un goberno de Lara Méndez pero tampouco queren un goberno do partido popular”.
Ramón Carballo, alcaldable do Partido Popular, asegurou na tarde de onte que Lugo “non pode seguir permitíndose” publicidade “tan negativa” como ser a cidade máis sucia de Galicia e das máis sucias de España, polo que se comprometeu a traballar, se entra no Goberno, para que a limpeza urbana volva a ser un dos sinais de identidade da cidade.
Ramón Carballo asegurou hoxe no acto de fin de campaña que “quixo rematar a campaña cun aire de festa porque queremos deixar claro que o meu goberno devolverá a Lugo a alegría; a alegría que lle sacaron o goberno socialista de Lara Méndez e os partidos que a apoiaron”.
Lugonovo rematou a campaña electoral con dous actos de gran relevancia para a formación por ser eixos centrais tanto do seu programa como do traballo feito polo Grupo Municipal ao longo destes catro anos no Concello. Por unha banda, unha representación da candidatura visitaba esta mañá unha explotación gandeira, situada no lugar de Cacabelos, parroquia de Mazoi, á que se vén de incorporar un novo propietario, como exemplo de oportunidades que ofrece o rural lucense.
O alcaldable de Lugonovo comprometeuse a dotar de servizos ás parroquias, “con prestación tan básicas, pero das que agora carecen, como o abastecemento e saneamento da auga, a mellora da cobertura de internet e do sinal de telefonía móbil ou o arranxo das infraestruturas”.
Pola súa banda, o Podemos de Josito Pérez, organizará esta noite o acto final de campaña cun encontro coa cidadanía no Club Clavicémbalo, cunha pequena festa-concerto.
Galicia Sempre, encabezada por Carmen González, acabou o día reuníndose co presidente da Federación de Comercio para escoitar as súas propostas como a necesidade de facer funcionar as mesas de comercio, activar o observatorio de seguridade ou dixitalizando o comercio; asemade, a agrupación reuníuse cos representantes dos veciños do barrio da Ponte para poder coñecer, de primeira man, as súas reclamacións. O acto de peche de campaña electoral, que terá lugar as 8.30 do serán, o venres 24, na rúa da Raiña, xunto da igrexa da Nova.
Converxencia 21, Compromiso por Galicia, Foro Lugo Independente, PSOE e Vox, tamén pechan hoxe a súa campaña con distintos actos pola cidade.