O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, presentou esta mañá o proxecto de remodelación integral dos hortos urbanos no río Rato e Paradai, que elaborou o Goberno Provincial para ofrecer un total de 175 novos espazos uniformes, agroecolóxicos e accesibles con máis servizos.
Fernández Queipo explicou que todos os hortos terán o mesmo tamaño e peches para respectar unha mesma liña paisaxística; servizos iguais, como os de rego e compostaxe que non tiñan; e neles cultivarase de xeito sostible plantas típicas da horta do país, que facilitará a Deputación (tomates, leitugas, pementos, cabaciñas, allos, xudías…). O proxecto inclúe ademais podas, mellora de accesos, dotación de zonas de cultivo específicas para escolares e persoas con mobilidade máis reducida, así como un espazo de lecer, entre outros traballos.
O conxunto destas actuacións, que están en proceso de adxudicación e ás que se destinaron 88.000 euros (prezo de licitación); iniciaranse antes de rematar o ano e terán un prazo máximo de execución de 2 meses. Este é o período de non produción, pois búscase non prexudicar aos actuais usuarios.