Os lucenses doaron 3.000 quilos de alimentos e roupa na a campaña de recollida, promovida pola Deputación Provincial e a ONG Familias para a Paz (Families4Peace), destinada aos refuxiados. A Deputación xuntou un total de 11 palés de material nos que se reuniron 2.500 quilos de roupa e outros 500 quilos de alimentos non perecederos. A campaña obtivo unha resposta rápida e masiva dos lucenses, que se achegaron ás dependencias da Deputación para facer as súas doazóns e interesarse pola loxística e o envío do material.
A Deputación, que cedeu o espazo da Aula de Formación para o almacenamento do material, puxo un equipo de voluntarios que axudou na recolleita e encargouse de distribuír e clasificar en caixas o material recadado, unha vez finalizada a campaña de recollida.
Dende Lugo, o cargamento será trasladado ao porto de Valencia e dende enviado a Tesalónica, en concreto ás Illas de Quios e de Samos (Grecia) e aos campos de Alepo (Siria).
Álvaro Santos Ramos, Vicepresidente da Deputación, agradeceu hoxe aos lucenses a colaboración prestada durante os últimos dous días nos que o Goberno da Deputación levou a cabo esta recollida. Santos Ramos destacou que a participación dos lucenses “son 11 palés de agradecemento, de compromiso e de solidariedade, que amosou a cidadanía de Lugo e que, dende logo, nos fan unha provincia máis sana, máis humana e na que hai esperanza de crer nas persoas”.
Familias para a Paz
Familias para a Paz (Families 4 Peace) é unha pequena organización sen ánimo de lucro que agrupa a profesores de España e Grecia e as súas familias, e que traballan para prover de alimentos, víveres e menciñas a refuxiados chegados principalmente de Siria, Iran, Iraq e Afganistán. Contan coa colaboración da Fundación Seur, que se encargará do traslado ao porto de Valencia; e no terreo, teñen de contraparte á ONG Team Humanity, que será a que distribúa os alimentos e a roupa entre os refuxiados.