Os maiores gozan do seu día no San Froilán

Pasado o ecuador das patronais lucenses e despois dunha fin de semana cargada de actividades, chega o momento da primeira valoración. A rexedora de Lugo, Lara Méndez, amosou esta mañá a súa alegría pola boa acollida que tiveron as actividades do San Froilán e por todo o que aínda lle queda á cidade por diante ata o xoves, día 12, no que rematará a programación pero tras o que aínda poderemos gozar das casetas do polbo e, os máis pequenos, das barracas.

O día de hoxe, cargado de actividades para celebrar unha xornada dedicada aos nosos maiores, no que a alcaldesa aproveitou para pedirlles “que saian á rúa masivamente esta tarde”, e eles non fixeron outra cousa e, como xa nos veñen acostumando, sacaron toda a súa arte para bailar ao ritmo da orquestra Acordes, desde ás 17:30 horas. Unha cita á que non dubidou en acudir a familia máis honorífica destas festas, os Pelúdez, que tamén quixeron botar un pé e gozar da música festiva.

Méndez fixo un balance “moi positivo” do que xa pasou, “onte era tremendo ver o ambiente que había desde pola mañá ata a última hora da tarde noite, todas as rúas e todo o casco histórico cheo de xente, de folclore, de tradición; esas caras cheas de satisfacción, de ledicia… Tamén é bon decir que hoxe o San Froilán se vive en moitos máis rincóns da cidade que antaño, que se concentraba na Praza Maior. Son unhas festas de toda a cidade, que se viven en cada un dos rincóns da mesma e é o que queremos que siga sendo estos días que restan”.

A rexedora tamén quixo destacar que “afortunadamente” non houbera ningunha incidencia reseñable. “Os operativos de seguridade sempre son rigorosos”, asegurou Lara Méndez quen avanzou tamén algunha das actividades que quedan por diante ata o día doce “queda moito que ver e gozar, as actuacións que quedan son moi importantes, como pode ser a de Los Secretos e moitísimas actuacións tamén de grupos locais que están dando grandes sorpresas”. “Lugo sabe agradecer aos seus talentos, á súa xente, e creo que así se demostrou estos días,e estos grupos que aínda quedan por ver deixarán á cidade de Lugo a moi alto nivel”, concluiu Méndez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com