O comité executivo de Novas Xeracións do PP de Lugo iniciou hoxe unha rolda de visitas ás principais fontes de recursos da provincia, aqueles espazos nos que se desenvolve a actividade económica e onde empresarios e emprendedores realizan o seu traballo xerando emprego e riqueza.
A primeira das citas tivo lugar no Porto de Celeiro e nela participou o comité executivo de NNXX da provincia de Lugo, varias xuntas locais da Mariña, así como o coordinador comarcal da zona, José Manuel Balseiro e a presidenta do PP de Lugo, Elena Candia. Tamén asistiron o deputado Jaime de Olano, o secretario de Organización do partido en Lugo, Daniel Vega, Antonio Bouza, presidente do PP de Viveiro e Sergio Camiña, secretario xeral de NNXX Galicia; preto de 40 persoas en total.
Esta visita sectorial incluíu un percorrido polas instalacións do porto, onde coñeceron a actividade da empresa Porto de Celeiro, onde foron recibidos polo seu xerente. Tamén mantiveron unha reunión cos integrantes da Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo, de Celeiro.
A presidenta de Novas Xeracións da provincia de Lugo, a quiroguesa Roza Arza, explicou que estas reunións sectoriais pretenden poñer en valor as fontes de recursos espalladas ao longo da nosa xeografía. “Queremos apoiar aos emprendedores e aos empresarios que día a día traballan pola nosa provincia, coñecer de preto o que fan e as necesidades que teñen e tenderlles a man naquelo que podamos ser de axuda”, engadiu.
Arza precisou que se trata de “mostrar o noso apoio a favor dos sectores que xeran riqueza na provincia, como poden ser o do mar, a agricultura, a viticultura, a innovación e todos aqueles sectores que traballan polo despegue continuo da nosa economía. “Son ademais esas empresas e emprendedores os que levan o nome da nosa provincia polo mundo adiante, polo que queremos camiñar da súa man en colaboración con eles para poder establecer sinerxías en beneficio da expansión económica de Lugo”.