Os menores de 35 anos interesados en comprar unha vivenda poderán beneficiarse este ano das axudas da Xunta en 63 concellos de Lugo, a práctica totalidade dos municipios da provincia. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), convocou dúas liñas de subvención específicas para mozos: unha para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes e a outra, para a compra en cascos históricos.
O prazo para presentar as solicitudes a ambos programas estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro e conxuntamente, dispoñen dunha dotación global de 1,6 millóns de euros para a convocatoria deste ano.
En total, 55 dos 67 concellos da provincia de Lugo teñen menos de 5.000 habitantes, polo que en todos eles os menores de 35 anos interesados en adquirir unha vivenda en propiedade poderán beneficiarse da primeira destas dúas liñas de subvención.
Ademais, en 13 concellos pódese solicitar a axuda para adquisición de vivenda en centros históricos ao estar incluídos na lista correspondente. Cinco deles (Lourenzá, Meira, Pedrafita do Cebreiro, Mondoñedo e Quiroga) teñen menos de 5.000 habitantes, polo que nestes casos estarán dispoñibles as dúas liñas de axudas. Os outros oito concellos de Lugo nos que se pode solicitar unha subvención para comprar vivendas nos centros históricos son Castro de Rei, Chantada, Lugo, Monforte de Lemos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro.
Adquisición en centros históricos
A axuda destinada a fomentar a adquisición de vivendas en centros históricos por parte do colectivo de menores de 35 anos está dotada para este ano cun orzamento global de 800.000 euros.
As vivendas para as que se solicite a axuda deberán cumprir coas seguintes condicións:
Estar emprazada nun centro histórico Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto nova como usada.
O prezo de adquisición non superará ao dunha vivenda protexida de 120 metros cadrados, de réxime concertado, no mesmo concello.
O IGVS subvencionará con ata 12.800 euros a adquisición de vivenda por parte de menores de 35 anos nos centros históricos das sete grandes cidades e con ata 10.800 se a vivenda se empraza na zona monumental de calquera outro concello galego.
Adquisición en concellos de menos de 5.000 habitantes
En canto á liña de axudas destinada a fomentar a adquisición de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes por parte de menores de 35 anos tamén está dotada para este ano cun orzamento global de 800.000 euros.
As condicións que deben cumprir as vivendas neste caso son:
Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto nova como usada. O prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, será igual ou inferior a 100.000 euros.
Neste caso, o importe máximo das axudas será de 10.800 euros, sen que poidan superar o 20% do custo da vivenda.