A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, recibiu este martes no Salón de Plenos a un grupo de cincuenta nenos e nenas que cursan terceiro de primaria no colexio lucense Illa Verde, para amosarlles a Casa Consistorial. A visita fíxose en dúas quendas.
Durante a visita, os alumnos e alumnas, que tiñan arredor de 8 anos, mostraron curiosidade polo funcionamento do Concello e polo labor desempeñado polo Goberno Municipal. A edil explicoulles o seu traballo e a súa área de actuación, e atendeu todas as preguntas que lle fixeron os nenos e nenas, que se interesaron por saber como se toman as decisións nun Concello ou como se chega a formar parte da Corporación Municipal.
Estas visitas permítelles aos máis cativos coñecer en primeira persoa o Concello da súa cidade.