“Os nove anos de Fraguas en Lugo”no IES Vilar Ponte de Viveiro

A exposición itinerante “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, do Colectivo Egeria, chegará o luns día 18 de novembro ao IES Vilar Ponte de Viveiro (Lugo). Será inaugurada nun acto que terá lugar ás 12:20 horas, e que contará coa presenza de Paula Sentandreu, vicedirectora do centro, e de Xulio Xiz, presidente do Colectivo Egeria. A exposición estará no Centro ata o 22 de novembro.

O proxecto FRAGUAS EN LUGO está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, que recolle textos dos promotores desta iniciativa, e doutros amigos e antigos alumnos de Antonio Fraguas, sobre os nove anos que este pasou en Lugo, e da profunda pegada que deixou na cidade e na sociedade lucense; unha exposición itinerante, composta por doce paneis, nos que se resumen os contidos do libro, e que está a percorrer toda Galicia; e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos da publicación en papel.

“Os nove anos de Fraguas en Lugo”

Convocados polo profesor Manuel Regueiro Tenreiro, que tivo gran relación profesional e persoal con don Antonio Fraguas, reuniron recordos o historiador Antonio Prado Gómez (ao que nada do antigo “Instituto Masculino de Lugo” lle é alleo), e os antigos alumnos do vello profesor, Paco Martín, Xulián Parga e Xulio Xiz, para –por serlle dedicado a Fraguas o Día das Letras Galegas do ano 2019– facer un achegamento á pegada que o Mestre Fraguas deixou na cidade das murallas, e en todos os que tivemos / tiveron a sorte de telo por docente e amigo.

Polo recente pasamento do profesor Manuel Regueiro Tenreiro, a homenaxe a Fraguas ven ser tamén unha homenaxe póstuma ao iniciador deste proxecto, o derradeiro no que con grande ilusión se involucrou.

O proxecto “OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO” contou coa colaboración do Colectivo Egeria e de GaliciaDigital no desenvolvemento de todas as accións, e co apoio da Xunta de Galicia.

Esta exposición xa visitou Lugo (IES Lucus Augusti e Biblioteca Provincial), Santiago de Compostela (IES Antonio Fraguas, IES Rosalía de Castro e Pazo de San Roque), A Estrada (Casa das Letras), Vilalba (Casa da Cultura), Ferrol (Ateneo Ferrolán), Guitiriz (IES Poeta Díaz Castro), Burela (IES Perdouro), Palas de Rei (Centro Comarcal da Ulloa), Monterroso (IES de Monterroso), Salamanca (Centro Galego), Cotobade (Casa do Concello) e Becerreá (IES de Becerreá), e nas vindeiras semanas percorrerá diversos lugares de Galicia e do resto de España.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com