Os pais afectados polo peche da gardería de Abanca envían unha carta ao Presidente da Xunta

A/A Alberto Núñez Feijoo

Presidente da Xunta de Galicia

A Escola infantil do Sagrado Corazón de Lugo, pertencente a Fundación Galicia Obra Social (co nome comercial de Afundación) está a piques de ser pechada, como xa saberá. É un centro de gran prestixio na cidade, leva aberto 30 anos a as súas instalacións seguen a ser das mellores deste tipo de escolas, pola súa amplitude e por estar concibidas e adaptadas precisamente para este uso, xa que foron modernizadas durante este tempo.

Son moitas as razóns polas que os pais e nais que a coñecemos a eliximos como escola para os nosos fillos: conta con amplas aulas,espazos diáfanos onde os cativos poden moverse e xogar con amplitude, un magnífico comedor cunha cociña profesional, unha sala de descanso, un enorme patio, amplos ventanais…, ademais do funcionamento, xa que o traballo e profesionalidade das educadoras danos total confianza e tranquilidade porque sabemos como funcionan as clases e podemos en calquera momento ver como están os nosos fillos.

As razóns que ofreceron os representantes de Afundación para o peche non nos parecen máis que escusas para xustificar e tapar a decisión de ABANCA de desfacerse da xestión directa dos centros pertencentes á antiga obra social das caixas galegas. Unha obra creada e financiada cos beneficios xerados polos aforros da maioría dos galegos, ademais de rescatada con fondos públicos do estado.

Non existe un descenso da demanda que xustifique o peche, 41 nenos ocupan un total de 43 prazas, a única aula que non se encheu foi unha de nova creación de 0 a 1 anos, que a maioría dos lucenses descoñecía pola escasa difusión deste cambio, xa que a escola ata agora so era para nenos maiores de 12 meses. Ademais dende a Xunta saben que na cidade de Lugo hai máis demanda que prazas de gardería pública ou subvencionada.

A estabilidade presupostaría que se marcou como obxectivo Afundación non cremos que esté en risco con este centro, onde as cotas dos país cobren a metade dos gastos (gastos que se poderían reducir en parte cunha boa xestión, e que inclúen gastos contables, como por exemplo amortizacións). Ó final a razón principal que se nos deu para o peche é que os centros de ensino infantís non están recollidos no plan quinquenal de obxectivos estratéxicos de Afundación. Así que un problema tan importante para o futuro “con f de fillos” de Galicia, como a promoción da natalidade e facilitar a conciliación familiar foi descartado dos temas importantes da Fundación Galicia Obra Social.

O punto fundamental polo que nos diriximos a vostede con este problema é que hai que ter en conta que Afundación non é unha empresa privada máis, é a herdeira da obra social das caixas galegas e firmou un acordo coa Xunta (vostede firmou un acordo con ABANCA) para garantir o seu mantemento durante 30 anos. Tampouco pode tomar decisións unilaterais, xa que o órgano de decisión é un Padroado no que están representantes das institucións galegas, que son maioría respecto ós representantes de ABANCA, polo tanto nas súas mans están frear o peche de este centro de educación infantil, que é importante para Lugo e para Galicia, xa que a maioría dos representantes institucionais foron nomeados polo seu partido. Como representante de tódolos galegos, nos gustaría que defendera os intereses dos cidadáns galegos e tomase en consideración esta petición para impedir o peche da escola infantil do Sagrado Corazón de Lugo.

 

OS PAIS AFECTADOS POLO PECHE DA ESCOLA DO SAGRADO CORAZÓN DE LUGO

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com