Os participantes do Empregalia recibirán un certificado de profesionalidade

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre Concello e Xunta que permitirá aos participantes no novo plan de emprego impulsado polo Goberno local, Empregalia, obter o certificado de profesionalidade ao rematar as accións formativas,o que aumentará aínda máis as súas posibilidades de inserción no mercado laboral en todo o Estado.

No convenio asinado hoxe recóllense as características e condicións que debe reunir a formación impartida a través dos itinerarios formativos de Empregalia asociados aos certificados de profesionalidade para que o alumnado participante poida obtelos, no caso de recibir avaliación positiva.

No caso da outra acción formativa incluída no plan, sobre aplicación e manexo de sistemas aéreos non tripulados: RPAs ou drons, o alumnado terá acceso ao exame para a obtención dos certificados básico e avanzado oficiais de Piloto de RPAs, expedidos pola Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

Empregalia é o novo plan de emprego impulsado polo Goberno de Lugo grazas á captación de fondos europeos. Favorecerá a inserción laboral de 150 mozos e mozas menores de 30 anos –inscritos no Programa Nacional de Garantía Xuvenil- a través da formación en xacementos de emprego: tecnoloxía, turismo e lecer. Está dotado con 644.000€, dos que a UE achega o 91,8% e o Concello o 8,2% restante.

O Concello licitou o 29 de xaneiro o contrato para impartir a docencia especializada, cun importe de 205.000€. As accións formativas –teoría e práctica en empresas- desenvolveranse de marzo a xuño.

A Concelleira de Economía explicou que, co fin de garantir as máximas cotas de inserción no mercado de traballo dos 150 mozos e mozas participantes, “elaboramos un proxecto con itinerarios formativos nos sectores con maiores perspectivas de crecemento económico e de emprego no municipio, como son a tecnoloxía, turismo e lecer. Para elo, contamos con asociacións de persoas discapacitadas e organizacións sen ánimo de lucro, pois perséguese tamén que as persoas con maiores dificultades de acceso ao emprego teñan a oportunidade de formarse e mellorar a súa empregabilidade”.

“Agora”, engadiu Prieto, “damos un paso máis, engadimos este plus, coa sinatura deste convenio entre a Xunta de Galicia e o Concello, que permitirá aos participantes con avaliación positiva obter o certificado de profesionalidade, o que aumentará aínda máis as posibilidades de inserción laboral dos participantes, optimizando ao mesmo tempo o uso dos fondos públicos”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com