Os poemas galegos de Francisco de Fientosa nos cinco idiomas ibéricos

O 22 de maio de 1912 naceu no Cordón, dae Santa Locaia (Castro de Rei) Francisco Vega Ceide, Francisco de Fientosa, considerado polos devotos da súa obra como “O Lorca galego”. Morreu de xeito aleivoso no Madrid de 1936, con vinte e catro anos de idade, cando xa era autor dunha obra narrativa e poética, especialmente en castelán, que o elevou a categoría dos grandes da escrita.

O profesor e escritor Ricardo Polín en “A primeira luzada” recompila a obra de Francisco de Fientosa, pechando a recolleita da súa poesía cos “Versos galegos”, que chamaron a atención do tamén profesor e escritor, nado na Ponte Outeiro de Castro de Rei, Xosé Otero Canto, que foi facendo análise literario e lingüístico de cada un destes poemas, e publicándoos na plataforma en internet www.galiciadigital.com.

Diante deste estudo, o Colectivo Egeria decidiu publicar o libro “IMOS COLLER NIÑOS NOVOS…” con motivo dos 110 anos do nacemento de Francisco de Fientosa, que se cumpriron o 22 de maio pasado, e preto dos 86 anos do pasamento do escritor.

Na publicación, ademais do estudo do profesor Otero Canto, inclúese o limiar “Versos e ausencia: Cartografía literaria do Lorca Galego”, de Ricardo Polín, máximo entendido sobre a vida e obra do escritor; un traballo de Otero Canto sobre “Francisco de Fientosa e Crecente Vega, unidos pola Ponte de Outeiro”, e a versión en castelán, catalán, vasco e portugués, que proporcionan unha dimensión inédita para a poesía en galego do escritor da Ponte de Outeiro.

A versión en castelán dos poemas estivo a cargo do propio Otero Canto, Catedrático de Lingua e Literatura españolas; as versións aos idiomas catalán e portugués son da escritora, historiadora e investigadora da cultura celta Ana Mar Fraga Rábade, e a versión en vasco de Aitor Fernández de Martikorena, profesor de éuscaro, tradutor, asesor didáctico e formador.

Cada poema do libro vai acompañado dun debuxo da mestra vilalbesa María Guerrero Rico, debuxante e ilustradora, que responde artisticamente á forza poética deste grande escritor, ao que se homenaxea nos 110 anos do seu nacemento.

O título de “Imos coller niños novos…” procede do primeiro verso do primeiro poema galego recollido por Ricardo Polín:

“Imos coller niños novos

agora que é primadeira.

Na beira do amor somentes

o choupal do corpo dela”.

O libro está publicado coa axuda da Xunta de Galicia e do Concello de Castro de Rei, figurando ao comezo cadansúa salutación de Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, e do Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro. Vai ser presentado o próximo 29 de xuño, mércores, en Castro de Rei e Lugo. En Castro de Rei, ás 17:00 horas, na Biblioteca municipal Crecente Vega, e na capital lucense ás 19:30 h., no salón de actos da Biblioteca Nodal (Avenida de Ramón Ferreiro).

Nos dous actos intervirán, ademais dos responsables da obra, o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, e o Alcalde de Castro de Rei Francisco Javier Balado. A entrada será libre, ata completar aforo, e os asistentes serán agasallados coa publicación. publicación.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com