Os polígonos de As Gándaras e O Ceao contarán con máis cámaras de vixilancia e máis estacionamentos

O Concello de Lugo anunciou esta mañá unha batería de medidas encamiñadas a mellorar a competitividade dos polígonos das Gándaras e O Ceao. A rexedora vén de manter senllas reunións na Casa do Concello cos representantes das asociacións de transportistas e de empresarios dos parques industriais para informarlles das actuacións que o Goberno local levará a cabo na principal zona industrial e comercial da cidade.

O Concello instalará cámaras de vixilancia no parque empresarial, acondicionará dúas rotondas de Benigno Rivera e actualizará a sinalización nese tramo, ao tempo que está a analizar a reorganización dos estacionamentos existentes e a posta en marcha de novas zonas con espazos destinados a este fin. Igualmente avanzou os termos nos que avanza a colaboración que mantén cos colectivos para posibilitar a creación dun aparcadoiro acoutado para camións en terreos municipais do polígono das Gándaras.

Deste xeito, ao longo das próximas semanas procederase á súa licitación que inclúe diferentes puntos de control co obxectivo de ampliar a súa cobertura a unha porcentaxe moi elevada da zona industrial. Así, haberá cámaras na avenida de Benigno Rivera, na súa confluencia con Infanta Elena; nas inmediacións de rúa Agricultura e na rúa das Comunicacións na contorna da rúa dos Carros, de forma que permita captar o tránsito de vehículos entre ambos polígonos e no seu enlace coas vías de comunicación próximas.

Inicialmente instalaranse 6 cámaras de diferentes características técnicas que contarán, así mesmo, cun sistema de alarma antisabotaxe que detecte posibles intrusións non autorizadas. O equipamento estará conectado cunha central receptora de alarmas e integrarase, alén, no software de xestión da Policía Local de Lugo, para que as incidencias tamén poidan ser atendidas por efectivos policiais, que recibirán información de cada incidencia de xeito inmediato para poder ofrecer unha resposta rápida á mesma.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com