Os populares de Vilalba consideran “prioritario” avanzar no proceso de ampliación do polígono industrial de cara á implantación de empresas ou á ampliación das xa existentes de forma que xeren postos de traballo e, polo tanto, contribúan ao asentamento das familias e, ao mesmo tempo, á dinamización da actividade comercial vilalbesa.
A voceira, Sandra Vázquez, incide en que “a creación de emprego é fundamental para o asentamento de poboación no noso municipio. O PP vilalbés aposta por seguir atraendo empresas como as que se asentaron no momento da creación do polígono”. Tamén considera que “é necesario acompañar a estas empresas mantendo limpo o polígono industrial e conservando as súas instalacións; pero tamén con políticas que favorezan a actividade empresarial no municipio”.
Vázquez lembra, neste sentido, que “dende o Grupo Municipal Popular levamos en numerosas ocasións ao pleno distintas iniciativas para que o Concello se adhira á iniciativa da Xunta e da Fegamp de Concellos Emprendedores Doing Business”. Así, “para contribuír a captar investimentos, o Concello debería comprometerse a aplicar incentivos fiscais, simplificar os trámites administrativos e facilitar acceso a solo industrial ás iniciativas empresariais interesadas. A Xunta, pola súa banda, dá prioridade aos Concellos Emprendedores nas convocatorias de axudas”.
A popular engade, nesta liña, que “para Vilalba é imprescindible dispoñer de solo industrial”. Así, mentres o anterior goberno municipal deu numerosos pasos de cara á ampliación do polígono Sete Pontes; o actual goberno socialista permanece impasible”. De feito, “en xullo do ano pasado anunciaba que porían á venda seis parcelas de titularidade municipal que Entrepinares tiña que ceder ao polígono; pero non volvemos saber máis nada. Non sabemos cando estarán dispoñibles esas parcelas para as empresas interesadas en asentarse no polígono de Vilalba. Todo indica que a ampliación do polígono industrial non é unha prioridade para este goberno”.