Os populares demandan no Parlamento Galego a creación dun rexistro estatal de posibilidades de pesca

O voceiro do Mar dos populares galegos, Jose Manuel Balseiro vén de anunciar a presentación dunha iniciativa no Parlamento de Galicia pola que se reclama a creación dun rexistro estatal de posibilidades de pesca.

O deputado popular explica que este instrumento normativo serviría para dar cobertura ás novas previsións contidas no regulamento europeo de reforma da Política Pesqueira Común, que permite os chamados dereitos de pesca transferibles.

A lexislación comunitaria, explica Balseiro, establece este sistema para todos os buques de máis de 12 metros de eslora, e que non utilicen artes pasivas, de tal xeito que se recoñecen un dereito propio de explotación ou cota de captura sobre un determinado recurso ou especie durante un tempo concreto.

Os buques dun mesmo censo poden así intercambiar, comprar, vender e alugar estes dereitos de pesca baixo unha serie de requisitos, polo que os populares creen que sería positivo crear un Rexistro Estatal onde queden reflectidas claramente todas as operacións de transmisión que se efectúen e sirva á vez para que o sector poida coñecelas.

Balseiro lembra que a creación dun sistema de concesións ou dereitos de pesca transferibles entre os Estados Membros da Unión Europea que permita o intercambio de cotas sobre un recurso pesqueiro concreto, en función dos intereses das distintas flotas, foi unha demanda recorrente dos profesionais do mar e unha das reivindicacións lideradas por Galicia de cara a reforma da Política comunitaria.

De feito, formaba parte das propostas incluídas no Ditame unitario que, aprobado dun xeito unánime polo Consello Galego de Pesca (máximo órgano de representación e asesoramento do sector marítimo pesqueiro), constituía a folla de ruta sobre a que, desde Galicia, proxectábamos un rumbo diferente para a nova normativa

Sinala ademais que os populares galegos e a propia Xunta sempre defenderon condicionar este sistema co necesario establecemento de salvagardas eficaces que garantiran a excepción da flota costeira artesanal, que non participaría destes intercambios, así como de instrumentos que impidan a excesiva concentración ou a deturpación deste do novo modelo nun sistema dirixido á especulación.

Hoxe sabemos que co amparo legal de Bruxelas os dereitos de pesca pódense comprar, vender e alugar cunha serie de condicións estritas, entre elas, que soamente poden adquirilos os propietarios de buques matriculados e en activo que teñan o propósito de utilizalas nun buque autorizado e en activo.

Este modelo tampouco supón unha novidade substancial xa que viña aplicándose e ofrecendo mostras prácticas da súa utilidade entre os buques que operan dentro dos límites xeográficos da zona do convenio da Comisión de Pesquerías do Atlántico Nordeste (NEAFC).

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com