O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, desvelou que a entrada en vigor da nova Lei do Solo podería permitir a construción dun aparcamento público na contorna do Hula. Castiñeira explicou que o urbanizable municipal que linda co complexo hospitalario pasará a considerarse solo rústico autorizando habilitar “una zona de estacionamento ao aire libre”.
Castiñeira avanzou que o seu Grupo rexistrou unha iniciativa para debater no vindeiro pleno municipal na que “insta ao goberno local a que, dacordo coa nova Lei do Solo que entrará en vigor o sábado 19 de marzo, se inicie canto antes o estudo e se procede a construción dunha zona de estacionamento público e gratuíto nos terreos propiedade do Concello situados no entorno do HULA”
O voceiro popular espera que “a Deputación estea agora igual de receptiva que nas eleccións e financie esta obra, como mínimo, cos 100.000 € que comprometeu o ente provincial para o leiraparking de Orozco no ano 2011”. De feito “na iniciativa que se levará ao vindeiro pleno se inclúe un punto reclamando á Deputación de Lugo unha axuda da económica similar á prometida en campaña electoral”.
O voceiro do Grupo Popular anima ao goberno local a ser proactivo, a ir por diante e a aproveitar todas as posibilidades que ofrece a nova lei de solo que entra en vigor dentro dunha semana “é o momento de demostrar que somos unha cidade que está en movemento, que non se queda atrás” salientou Castiñeira. Nese senso o popular brindouse a traballar “cóbado a cóbadoo” co goberno de Lugo porque considera que “merece a pena estudar a incidencia no urbanismo de Lugo da nova lei do solo”. O popular engadiu que hai que evitar novos lastres como “o bloqueo da aprobación do 5% do PXOM paralizada pola inacción do goberno socialista dos últimos 17 anos” .
Lembrar que os populares rexistraron, o pasado venres, un rogo para que se convoque de forma urxente a Comisión de planeamento co obxecto de analizar a incidencia da Lei do Solo no urbanismo do Concello “xa que son moitas as posibilidades de desenvolvemento que ofrece de cara ao futuro desenvolvemento urbanístico do noso municipio” concluiu Castiñeira.