Un total de 5.000 euros en cheques é o que ten preparado o Concello de Lugo e a Federación de Comercio para premiar a aquelas persoas que fan as súas compras nas tendas da cidade. Hoxe mesmo entregáronse os primeiros 31 vales da campaña O Nadal Sorpréndete para incentivar as compras. Os beneficiarios tiveron a sorte de ser parados pola rúa por diferentes personaxes propios de Nadal, que percorren as rúas da capital en busca de consumidores cun perfil moi claro: ter feito compras no comercio de proximidade e poder demostralo co tique.
Na entrega participaron a alcaldesa, Lara Méndez, e o presidente da Federación de Comercio, José María Seijas así como as persoas beneficiarias, que poderán cambiar os cheques, cada un deles por valor de 50 euros, no pequeno comercio da cidade. Celebraranse outras dúas entregas nos vindeiros días, ata completar os 100 cheques.
O Concello complementa esta iniciativa para impulsar o sector comercial facilitando catro liñas de buses urbanos gratuítas que pasan polo centro, en concreto, pola rúa Bolaño Rivadeneira e a Praza de Santo Domingo. Ata o día 5 de xaneiro, de luns a venres e sábados á mañá –laborais- as viaxes serán de balde a liña 3 (de Ramil a Fingoi); 4 (da Tolda á Abella); 7A (das Gándaras ao cemiterio) e 6 (de Montirón á Residencia), e os sábados á tarde, domingos e festivos, as liñas 3AE, 4E, 5E e 6E.