Este domingo cumpriranse 110 anos do nacemento no concello de Castro de Rei, de FRANCISCO VEGA CEIDE, Francisco de Fientosa, ao que os especialistas na súa obra consideran o LORCA galego.
Con este motivo, o Colectivo Egeria co apoio da Xunta de Galicia e o Concello de Castro de Rei vai presentar os próximos días o libro IMOS COLLER NIÑOS NOVOS…, a poesía galega de Francisco de Fientosa (1912-1936) nos cinco idiomas ibéricos: galego, castelán, vasco, catalán e portugués. “Imos coller niños novos…” é o título e primeiro verso do primeiro dos seus poemas galegos.
A obra comprende un exhaustivo estudo filolóxico e literario do profesor Xosé Otero Canto, poeta, catedrático xubilado de Literatura castelá, que naceu na Ponte de Outeiro (Castro de Rei), onde a súa traxectoria poética e vital se mergulla coas de Francisco de Fientosa e o seu curmán, destacado escritor tamén, Xosé Crecente Vega.
O estudo de cada un dos poemas de Fientosa por parte de Otero Canto, foi publicado no apartado de Opinión da plataforma dixital www.galiciadigital.com, e colleitados todos eles agora en libro para lembrar a obra galega deste grande esquecido escritor cando se van cumprir os 86 anos da súa alevosa morte, e os 110 do seu nacemento.
O libro, que se abre con palabras do Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, Román Rodríguez González, e do Alcalde de Castro de Rei, Francisco Javier Balado Teijeiro, ten un especial limiar do profesor e investigador Ricardo Polín, “Cartografía Literaria do Lorca galego”, especialista na obra de Fientosa e autor da súa Antoloxía.
A versión dos poemas ao castelán, é do propio profesor Otero Canto; ao catalán e o portugués verteunos Ana Mar Fraga Rábade, escritora, historiadora e investigadora da cultura celta, nada en Cospeito; e a tradución ao vasco é do profesor Aitor Fernández de Martikorena Rodriguez, profesor de éuscaro, tradutor, formador e escritor.
Os debuxos que acompañan aos poemas e a portada do libro son da mestra, ilustradora e debuxante vilalbesa, María Guerrero, que logrou un especial complemento ou contrapunto á fondura literaria do que era a gran esperanza poética de Galicia tronzada – coma Lorca – naquel convulso 1936.