Hai xa meses, a miña muller e máis eu fomos a Vilalba ao teatro no Auditorio. Actuaba Rafael Álvarez, el Brujo, e cada actuación deste autor é todo un acontecemento, e as súas creacíóns entran todas de xeito directo na historia do teatro español.
Representaba El Lazarillo de Tormes, e facía especial fincapé nas fames e penurias que Lázaro pasaba, e non parou en toda a representación de facer publicidade dos queixos Prestes, viñera ou non a conto, que case sempre viña porque pola miseria da época, pola que rodeaba ao personaxe e a tacañería dos seus patróns, a fame estaba sempre presente. E cada vez que falaba de fame, glorificaba aos queixos Prestes, xa que según decía probáraos aquela tarde, porque o Alcalde de Vilalba tivera a atención de regalarllos.
Eu non quero facer publicidade, pero non poido evitala, porque quero falar de queixos. E eu coidaba que os queixos vilalbeses eran os de San Simón, e punto. Os queixos que a lenda quere que reproduzan a forma do peito dunha raíña, suponse que Dona Urraca, que se presentan curados e afumados, cun sabor característico que os fai inesquecibles. Pois resulta que hai máis, e esto haberá que difundilo para contribuir que se saiba polo mundo adiante porque sitúa a Vilalba nun excelente lugar como productor de queixos de varios tipos, sendo o de San Simón o de maior relevancia.
E agora mesmo na miña casa, queixeiros que somos por devoción, simultaneamos tres queixos vilalbeses: o propio de San Simón, coñecido de todos; outro que non sei definir pero que podería ser como un queixo de Castela, forte e saboroso, a medio curar, e un terceiro que é unha crema de queixo azul, que sabe un pouco a fume, que vale para untar e deixa a un cavilando no moito que lle falta por saber de cantas cousas se producen na súa terra dignas de especial mención, e que ao mellor son máis coñecidas fóra das nosas fronteiras que na contorna vilalbesa.
É unha sorpresa grata degustar esta variedade de queixos, sen dúbida evolución da tradición queixeira vilalbesa, e exemplo de cómo se pode abrir camiños para o rural conxugando tradición artesana, con iniciativa empresarial e potenciación industrial.