A Asociación de Químicos de Galicia e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia buscan ao mellor alumnado en química dos centros educativos de Lugo e a súa provincia a través da XXXVIII Olimpíada Galega de Química 2021. As probas serán presenciais e celébranse mañá venres 12 de marzo na Facultade de Ciencias.
Os organizadores seguirán todas as recomendacións das autoridades sanitarias para evitar a presenza da Covid19. As cidades da Coruña, Lugo, Santiago, Ourense e Vigo acollen simultaneamente ese mesmo día as probas da XXXVIII Olimpíada Galega de Química dirixida ao alumnado de bacharelato dos centros educativos da comunidade. Nas cinco cidades as probas comezarán ás 16.30 horas. Haberá dous partes. A primeira, de 16.30 a 17.30 horas, será tipo test. A segunda parte, de 18.00 a 19.00 horas, consistirá en dous problemas e un suposto práctico de laboratorio.
Despois dun intenso traballo de organización durante os últimos meses por mor da incidencia da pandemia no ámbito da docencia, a Asociación de Químicos de Galicia e o Colexio Oficial de Químicos de Galicia, liderados por Manuel Rodríguez Méndez, conseguiron que as
probas da XXXVIII Olimpíada Galega de Química fosen este ano presenciais. A cita non puido celebrarse en 2020. O venres 13 de marzo
de 2020 estaban previstas as probas. Ese mesmo día o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, anunciaba que o confinamento entraba en vigor ao día seguinte.
A temática da proba de 2021 versará sobre química, evidentemente, a partir dos Deseños Curriculares de Bacharelato de Galicia (Decreto 86/2015), nas materias de Física e Química de 1º de Bacharelato e de Química de 2º Bacharelato. Este ano, a cita académica pretende
recoñecer o labor dun dos pais das olimpíadas: Generoso Álvarez Seoane, doutor en Químicas e licenciado en Farmacia pola USC.
Foi director técnico do Instituto Bioquímico Miguel Servet e da Cooperativa Farmacéutica do Noroeste. Tamén foi merecedor da Medalla de Prata ao Mérito Sanitario pola comunidade autónoma de Galicia e colexiado distinguido polo Colexio Oficial de Químicos de Galicia. Durante a súa presidencia da Asociación Nacional de Químicos de Galicia foi cando se puxeron en marcha as Olimpíadas de Química en Galicia, pioneiras en España.
A Olimpíada de Química Galega é a decana destas probas en España e xerme da Olimpíada Nacional de Química. Un tribunal único avaliará os exercicios e proclamará os vencedores. Os alumnos clasificados nos tres primeiros postos por cada un dos distritos universitarios (A Coruña, Santiago e Vigo) recibirán un diploma acreditativo. O acto de entrega de diplomas realizarase nun acto público en lugar e data
que se indicará en próximas datas. Os mellores participarán na Olimpíada Nacional de Química, prevista para o 30 de abril de 2021 vía en liña.