Un ano máis os Reis Magos chegaron a Lugo e encheron a cidade de maxia e ilusión. Partiron do parque de Frigsa ás 18:00 horas, percorrendo as principais rúas da cidade ata chegar á Praza Maior ás 19:30 horas.
Somos Unidas contra o Cancro estivo presente cunha das carrozas da cabalgata, que durante todo o percorrido contou tamén coa escolta de 16 axentes da policía local, xunto con 14 efectivos de Protección Civil, unha dotación de bombeiros cunha autobomba e persoal sanitario da Cruz Vermella.
A cabalgata estivo formada por varios espectáculos precedendo ás carrozas. A Danza das estrelas, un baile de luz e de cor foi a encargada de guiar á cabalgata no seu percorrido. Xunto con ela, estivo A Bola Máxica, un espectáculo de acrobacias e circo futurista arredor dunha gran bola máxica. As Cartas reais, un espectáculo de cartas danzarinas, foron as encargadas de transmitir aos reis os desexos e ilusións dos nenos e nenas. Acompañáronas as Carteiras de Xeo. Uns divertidos vehículos, os Velocípedes, fixeron as ledicias de todos os presentes mentres que o reino dos paxaros achegouse a esta cabalgata voando e penicando nas cabezas de todas as crianzas coa danza do Reino dos Paxaros. Uns triciclos Pierrots e agasallos xogaron e interactuaron coa xente, mentres que 6 pompeiras e un zancudo desfilaron coa cabalgata enchendo de burbullas a atmosfera ao seu redor. Por último, 6 medusas luminescentes viñeron á cabalgata de Lugo desde as profundidades do mar. Durante o percorrido, os heraldos foron os encargados de repartir os caramelos entre as persoas presentes.