Os sete sindicatos con representación no Concello de Lugo veñen de dar o visto e prace ao proxecto de Relación de Postos de Traballo (RPT) presentado o pasado mércores pola edil de Gobernanza, Paula Alvarellos.
A Mesa de Negociación aprobou por unanimidade este documento o que acaba de converterse nun fito histórico en canto a consenso e celeridade coa que se acadou. O acordo chega despois de dúas xornadas de debate nas que Alvarellos tratou de que todas as forzas sindicais tomasen consciencia da necesidade de regularizar a situación laboral dos traballadores municipais.
A responsable de Recursos Humanos aclarou que o obxectivo da RPT é crear unha “estrutura organizativa ordenada, xerarquizada, áxil e eficaz”; para iso, o proxecto reflicte a proposta dunha valoración individualizada de cada un dos postos que contempla “tendo en conta a necesidade legal de corrixir a deficiencia detectada recentemente nas retribucións do persoal do Concello xa que non existe unha política retributiva común para todos os postos, nin homoxeneidade naqueles que teñen igual responsabilidade, mesmo contido funiconal e mesmas condicións laborais”.
Entre as novas consideracións tidas en conta polo goberno, atópanse dúas circunstancias que “precisan dun novo contexto laboral” como son a administración electrónica e a tecnificación dos postos, e que obrigan ao executivo a establecer criterios comúns á hora de cobrar o mesmo onde hai igualdade de responsabilidades.
A proposta presentada non suporá ademais un incremento de carácter lineal a todos os traballadores, en canto aos complementos específicos, senón que se trata dunha corrección técnica, produto dunha valoración obxectiva do complemento de destino e específico mediante un sistema de valoración de puntos, na que se tiveron en conta factores como a dificultade técnica do traballo, a dedicación ou dispoñibilidade horaria, a responsabilidade, é dicir, ter que responder polos resultados e consecuencias do labor realizado, as incompatibilidades e a penosidade ou perigo.
Á súa vez, esta nova RPT tratará de aumentar a polivalencia dos empregados que poderán ocupar diferentes postos de traballo á vez que se incrementará a súa produtividade, sen que isto se traduza nun maior custo para a administración local.