O Grupo Municipal Socialista abandonou o pleno convocado polo alcalde para a tarde deste luns como sinal de protesta e desacordo cos “reiterados incumprimentos do goberno dos populares, renunciando aos honorarios correspondentes. Neste senso, critican as neglixencias no tocante ás convocatorias de plenos e comisións, así como á entrega de documentación en tempo e forma”.
Esta decisión foi tomada por non adecuarse as convocatorias dos plenos ao período que esixe a lei, un pleno cada dous meses como mínimo e por un cambio de data ante a que fora proposición do propio equipo de goberno, co consenso do resto de forzas políticas. Así mesmo, lembraron que “o alcalde xa comezou esta lexislatura sen convocar o pleno de xullo, polo que nos vimos na obriga de solicitar un pleno extraordinario para abordar temas de urxencia tales como a crise do sector lácteo ou a revisión do catastro e as súas consecuencias”, afirma Elba Veleiro, engadindo que “o alcalde non tivo nin a consideración de convocalo ante a nosa petición, quedando convocado por imperativo legal”. Aseguran que se repetiu esta circunstancia co retraso do pleno de novembro, censurando de novo “que dependemos constantemente dun equipo de goberno cunha falta de coordinación e desbaraxuste que non podemos tolerar máis”.
Os socialistas consideran unha falta de respecto aos grupos políticos da oposición que “o alcalde decida, de xeito unilateral, cambiar a data da convocatoria dos plenos, pois neste último caso non convocou nin sequera a xunta de portavoces, avisándonos da súa decisión fóra do prazo estipulado por lei e cunha escusa pouco convincente”, reprobou Veleiro. Desde o grupo socialista recordan que dos nove concelleiros do PP vilalbés, cinco deles perciben un salario das arcas públicas, en tres casos con moi bos ingresos: o alcalde Gerardo Criado, o deputado autonómico Agustín Baamonde, e a senadora Sandra Vázquez. “Merecemos que se respecten os tempos para compatibilizar o noso traballo para os veciños e veciñas de Vilalba coas nosa tarefas profesionais e familiares.
Co abandono da sesión plenaria deste luns, os socialistas esperan que cese o comportamento autoritario do alcalde e as continuas neglixencias do equipo de goberno.