A Voceira Socialista de Baleira, Laura Burgué criticou as palabras do Alcalde sobre o proceso de vacinación no noso Concello, xa que lembrou “que incluso o PP apoiou unha moción socialista para mellorar a asistencia sanitaria da vila, co fin de dotar de máis persoal sanitario ao centro de saúde de Baleira”.
Nesa liña lembrou “as queixas das veciñas e veciños que denunciaron que había unha lista de agarda para conseguir unha cita telefónica co médico de ata 9 días. Esta é a asistencia sanitaria coa que conta o concello de Baleira, e mentres o Alcalde atende as peticións da veciñanza os mércores pola mañá na Alcaldía, esa é a atención que lle presta ao noso Concello”, criticou.
Ademais sinalou sobre o proceso de vacinación que o 48% da poboación de Baleira ten máis de 60 anos, e só un 18% ten menos de 40 anos, “polo tanto o plan de vacinación na poboación do noso Concello seguiu co procedemento que marca o propio plan, igual que no resto dos concellos, pero ca peculiaridade de que Baleira conta cunha poboación altamente envellecida que xa esta vacinada polos tramos de idade correspondentes”, explicou Burgué.
Por último emprazou ao Alcalde a traballar por mellorar a asistencia sanitaria no Concello. “Estamos diante dunha pandemia, non podemos abandonar aos nosos veciños e veciñas, por iso necesitamos unha sanidade pública galega de primeira, e non máis recortes”, advertiu.