O voceiro do PSOE en Cervo, Francisco Mon Fernández, denuncia que o Alcalde e os seus compañeiros do PP están a promover unha residencia “para a elite, pois os custos das prazas que estableceron son de entre 1.280 e ata 1.500 euros, cando a pensión media dos nosos veciños é duns 700 euros, facendo, polo tanto, que esta dotación pública, que é e debe ser para todos os maiores do noso Concello, sexa inaccesible para a grande maioría dos mesmos. Só está ao alcance das persoas que poidan contar con elevados ingresos”.
“Dende o PSOE de Cervo defendemos que as 79 prazas que ofrecerá esta infraestrutura social, rematada xa no 2012, deben estar dirixidas a todos os veciños do noso Concello, pois son eles, a través do seus impostos e fondos públicos nas administracións, os que financiaron a súa construción con máis de 2 millóns de euros”.
“O modelo que está a promover o Partido Popular non garante que as prazas sexan para os nosos veciños, só para os que poidan ter elevados ingresos. O Alcalde e os seus compañeiros do PP xustifica isto, asegurando que van a concertar prazas coa Xunta de Galicia, pero non aclarar que de producirse esta concertación as persoas que se beneficiarán das prazas da nosa residencia poden ser de calquera punto da xeografía galega. Esta concertación non dá preferencia aos maiores de Cervo aínda que a residencia sexa deles e se sitúe no seu Concello”, explicou.