Os socialistas de Vilalba acusan ao Goberno Municipal de mentirlle ao Pleno

O Grupo Municipal Socialista acusou ao alcalde, Gerardo Criado, e ao seu equipo de goberno, de mentir na última sesión plenaria celebrada o pasado mes de outubro en relación ás irregularidades cometidas na parcela do concello acreditada como zona verde do polígono industrial Sete Pontes.

Os socialistas presentaron unha moción na que pedían a reposición das condicións de uso de dita parcela, o peche dese espazo como aparcadoiro de camións e outros vehículos e o correspondente expediente sancionador ao concellerio Iván Fernández pola colocación dun cartel publicitario do seu negocio en terreos de titularidade municipal, anunciando o seu negocio de hostalería, no que se indicaba a existencia do espazo para  aparcadoiro de camións, “empregando o poder político para o incremento dos seus beneficios”.

Ao fío desta moción, o concelleiro popular Agustín Baamonde limitouse a dicir “que estaban traballando neste asunto para averiguar a quen corresponde a responsabilidade das reposicións de legalidade”;cando, segundo os socialistas, o concello debería ter coñecemento dun documento da Xunta de Galicia de hai case un ano, no que se indica que “nas obras menores e as que non necesitan de licenza  ou aquelas actuacións que sexan obxecto de intervención municipal a través de comunicación previa, como ocorre no caso que nos ocupa, non se inclúen dentro do ámbito de competencias que se atribúen da Consellería competente en materia de urbanismo, se non que lle corresponde  ao Concello a adopción de medidas de reposición da legalidade urbanística”.

O PSOE vilalbés reproba “a actitude descaradamente vergonzosa  do PP ao mentir en sesión plenaria, coñecendo á perfección as súas responsabilidades e tratando de enganar á oposición e a toda a veciñanza”, criticou o concelleiro socialista Luis Fernández.

Tamén lembran que “levamos desde abril do ano pasado denunciando as irregularidades nas que o concello estaba incorrendo coas obras de explanación e afirmado do terreo nesta zona verde de titularidade municipal”, facendo responsable ao goberno municipal de “intentar sortear con todo tipo de argucias a legalidade para manter  intereses particulares”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com