Os socialistas de Vilalba fan unha valoración negativa do 1º ano do Goberno Municipal

O Grupo Municipal Socialista vén de facer balance do primeiro ano de lexislatura logo das eleccións municipais de maio do 2015, ano que resumen cunha afirmación contundente: “desgoberno do Partido Popular”. Despois de doce meses e oito plenos, “son moitos os temas debatidos e as diferencias acentuadas entre o equipo de goberno e o grupo socialista. Co traballo sobre a mesa, o PSOE vilalbés fai fincapé en tres cuestións que na súa opinión son determinantes á hora de criticar a acción de goberno: desleixo ante as necesidades da veciñanza, falta de transparencia e mala xestión”.

En palabras da voceira dos socialistas, Elba Veleiro, “observamos un ano máis o autoritarismo do alcalde, rodeado de concelleiros e concelleiras que non só calan ante as inxustizas, senón que as perpetúan, esquecendo que gobernan malia representar a un número menor de vilalbeses e vilalbesas que a oposición”. Nesta liña, Veleiro afirma con seguridade que “todos os asuntos que descoidan ou directamente ignoran no seu afán de gobernar exclusivamente para os seus, farán mella pouco a pouco” porque, segundo asegura, “a xente xa está farta”.

Mala xestión

O Partido Socialista de Vilalba afirma ter asumido o traballo da oposición para “fiscalizar e destapar día tras día a política de amiguismo, irresponsabilidade na xestión e caos nas contas. Teñen reprochado, tanto nos medios de comunicación como nas sesións plenarias, a improvisación nas contas dun goberno que abusa dos recoñecementos extraxudiciais de crédito, de xeito que destinan continuamente partidas que non están contempladas nos orzamentos. A pesares dos avisos reiterados de Secretaría e Intervención do concello a través dos reparos de legalidade, o alcalde fai oído xordos e continúa na súa odisea en sentido oposto á responsabilidade e dilixencia propia do seu cargo”, aseveran os socialistas.

Deste xeito, desde a oposición pediron explicacións que concirnen á perda dunha subvención de 50.000 euros para a caldeira de biomasa polo incumprimento dos prazos,

o asfaltado fronte ao campo de fútbol empregando un total de 180.000 euros dos fondos do canon eólico, o gasto na implantación da administración electrónica logo de rexeitar que a Deputación provincial a facilitara de xeito gratuíto, o abandono e deterioro de aparellos retirados do paseo fluvial sen sacar proveito deles para un parque biosaudable, coa conseguinte perda de cartos, entre outros.

Desleixo ante a veciñanza

Se algo levan criticando os concelleiros e concelleiras socialistas é “a total indiferenza e despreocupación do equipo de goberno ante as necesidades do conxunto da veciñanza”. E continúan “procuramos atender a todas as queixas que se nos trasladan e pedir solucións e explicacións inmediatas, tendo en conta que a nosa principal ocupación é a de representar a todas as persoas que así nolo pidan”, comenta Veleiro.

Consideran totalmente inexplicable o feito de que o centro de día permaneza pechado, ou que moitas familias queden sen praza na escola infantil de Vilalba. “Tanto un asunto coma outro afecta directamente a moitas persoas, xa que se imposibilita a conciliación familiar e laboral, dificultade que acostuma a repercutir especialmente nas mulleres”, explican asegurando que “é lamentable que o alcalde permaneza impasible, non mostre interese na busca de solucións e, aínda encima, así llelo faga saber a quen lle pide axuda”. Ademais, o grupo socialista lamenta “que os populares votaran en contra da supresión das taxas por rexistro municipal, da aprobación dun plan contra o acoso escolar por homofobia, dunha proposta detallada para facilitar que os veciños afrontaran o catastrazo, ou mesmo que aproben uns orzamentos (con catro meses de retraso e sen dialogar coa oposición) que obrigan a asociacións deportivas e culturais a sobrevivir cunha axuda mínima ante desigualdades que non fan máis que poñer trabas ao fomento da cultura e dos deportes minoritarios”.

Falta de transparencia

O derradeiro asunto que achacan desde a bancada socialista é “a falta de transparencia, co conseguinte desprezo á oposición e a todos os vilalbeses e vilalbesas. Tivemos que recordarlles que rematara o prazo de dous anos para que se adaptaran á Lei de Transparencia, Acceso á Información Pública e Bo Goberno, posto que na páxina web non se cumpría nin un 10% dos requisitos que obrigaba a mencionada lei”. Poren, os socialistas aseveran que “isto non é máis que unha consecuencia de todo o anterior, queren ocultar todas as xestións que fan porque destaparían as súas neglixencias, e o mesmo ocorre coas súas políticas, caciquís e de nepotismo”, critican con dureza.

Malia isto, o PSOE confirma que “a fiscalización continua do goberno local acabou por provocar que se nos puxeran trabas en máis dunha ocasión para acceder á información, impedimentos que denunciamos en aras de poñer en práctica unha verdadeira democracia no eido local e esixir máis participación veciñal”.

Para finalizar, Veleiro afirma “continuar traballando para acabar co autoritarismo que goberna Vilalba, que ningunea á oposición, que vulnera de xeito constante as normativas e dá as costas a quen verdadeiramente precisa”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com