No encontro da Secretaria de Organización provincial e a candidatura socialista ás autonómicas por Lugo con alcaldes, alcaldesas e voceiros e voceiras municipais quedou de manifesto que o 80% dos concellos da provincia sofre “graves problemas de persoal nos centros de saúde”.
Os socialistas subliñaron que Besteiro atenderá na Xunta de Galicia as necesidades da sanidade pública na provincia de Lugo tras 15 anos de desmantelamento do Partido Popular. Así o manifestaron na reunión de traballo que a candidatura do PSdeG ás eleccións autonómicas pola provincia de Lugo mantivo este mércores na sede do partido para analizar cal é a situación do sistema sanitario galego, “peor ca nunca”, incidiron, como evidencia o feito de que “o 80% dos 67 concellos da provincia de Lugo sofre graves problemas de persoal nos centros de saúde”, tanto de médicos de familiar, como pediatras e enfermería.
Dende o PSdG de Lugo, subliñan que“o Partido Popular non cre na sanidade pública porque non cre no público”, destacou García Porto, quen denunciou que o PP leva sometendo dende hai 15 anos á sanidade pública a uns recortes e a unha “precarización histórica” que deu lugar á situación crítica pola que atravesa este servizo esencial. “Vivimos a peor situación da sanidade pública en Galicia dende a chegada da democracia, sobre todo na Atención Primaria”, e aseguraron que “con Besteiro á fronte da Xunta “incrementaremos os orzamentos da sanidade pública en Galicia, como primeira medida dun plan de choque para recuperar a calidade asistencial, principalmente na Atención Primaria e outras especialidades”. Sinalaron algúns dos casos máis graves da provincia, como o peche definitivo do consultorio de “Castro, en Carballedo, ou a precarización da atención nos centros de Parga (Guitiriz), Castro de Rei, Cervo ou Nadela (Lugo) tras telos cerrados durante meses. Tamén tivo pechado o consultorio de Bóveda; deixou o ambulatorio de Castroverde sen médicos no Nadal; e desde outubro en Negueira de Muñiz non hai facultativo”.
O modelo socialista para a recuperación
A candidatura socialista trasladou que entre as prioridades de José Ramón Gómez Besteiro cando sexa Presidente da Xunta en materia sanitaria estará tamén a de reducir os tempos de espera na Primaria e garantir a atención no prazo máximo de 48 horas, como ocorría na etapa de Touriño, fronte ás esperas de entre 5 e 21 días que se rexistran na actualidade pola nefasta xestión do PP.
Defenden que Besteiro apostará pola sanidade pública en Galicia como Pedro Sánchez desde o Goberno de España. Lembran que co socialista ao fronte do Executivo as últimas convocatorias de prazas MIR foron as máis grandes da historia; que recuperou a sanidade pública universal eliminada por Mariano Rajoy no 2018; eliminou o copago farmacéutico para 6,8 millóns de persoas; estabilizou o emprego e eliminou a temporalidade dos profesionais. Ademais, recordan que con Pedro Sánchez, España garante o dereito a unha morte digna, recuperou o dereito de acceso ás técnicas de reprodución asistida e promoveu a nova estratexia de Saúde Mental 2022-2026.
Tal e como explicaron os membros da candidatura, o plan de choque de Besteiro consistirá nun investimento adecuado, unha planificación axeitada “que evite o colpaso das urxencias”, uns incentivos e condicións laborais estables para o persoal sanitario ou unidades de traslado axeitadas e suficientes.