A Secretaria Provincial do PsdeG-PSOE e candidata as eleccións autonómicas, Patricia Otero, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, xunto co Concelleiro de Economía, Suso Fernández e a Concelleira de Turismo e candidata ás eleccións autonómicas, Marisol Rey avanzaron que apoian as reivindicacións da plataforma veciñal Pro-Celeiro, que reclaman melloras no Porto de Celeiro á Xunta de Feijóo.
Patricia Otero dixo “que é a propia asociación veciñal é quen esta encabezando estas reivindicacións ante o constante ninguneo do Goberno de Feijóo ás veciñas e veciños de Celeiro. Este barrio está completamente esquecido polo PP, por iso hoxe estamos apoiando e reivindicando melloras neste entorno”, explicou.
A secretaria provincial sinalou que as veciñas e veciños de Celeiro presentaron un escrito diante da Xunta de Galicia co que denuncian o “estado de abandono desta zona por parte de Portos de Galicia. Nesa liña demandan que actúen xa, para rematar esta situación de deterioro e abandono das instalacións do peirao e tamén que se ocupe do seu mantemento en condicións dignas”, dixo.
Investimentos do concello nos últimos anos
O investimento do Concello de Viveiro nos últimos anos nesta zona, lembrou María Loureiro, “foron 490.000 euros que contribuíron a mellorar dotacións neste entorno como a mellora de rúas e estradas, sumidoiros e saneamento”, entre outras. Así as cousas a rexedora afirmou que “sempre estarei ao carón das veciñas e veciños de Viveiro, apoiando e defendendo as súas xustas reivindicacións como neste caso. É patente o estado de abandono que sofre esta zona competencia de Portos de Galicia, mentres o PP e Feijóo seguen mirando cara outro lado. Merecemos un barrio no que se poida vivir, e por iso vamos a seguir loitando”. E advertiu que “Feijóo só se lembra de Viveiro na campaña electoral durante o resto do ano, non sabe nin que existimos. Por iso pedímoslle que atenda ás demandas da veciñas e veciños de Celeiro, porque merecen ser escoitados e atendidos”.